O BNG pide que se paralice a nova ordenanza de tráfico que califica de “orwelliana”

O BNG pide que se paralice  a nova ordenanza de tráfico que califica de “orwelliana”
O voceiro nacionalista, Iván Rivas, nunha imaxe de arquivo | d.a.

A nova ordenanza de tráfico presentada polo goberno local alarma ao Bloque Nacionalista Galego, que ve un exceso de regulación respecto do que poden facer os peóns ou os deportistas. O voceiro municipal, Iván Rivas, foi moi duro na calificación dunha norma que considera “reaccionaria” e que lle lembra á obra “1984”, de George Orwell, no seu afán controlador e contrario ás liberdades, á socialización e á espontaneidade. Fala de pretender converter ás persoas en “robots”.


Rivas ve un “control extremo da poboación” en artigos que indican que os peóns non se poden deter na rúa formando grupos que impidan a circulación; non poden correr, saltar ou circular de forma molesta; ou non poden esperar o autobús fóra das paradas. Tamén criticou a prohibición de circular con bicicletas por beirarrúas ou zonas peonís e que aos menores de doce anos, para facelo, se lles esixa estar acompañados dun adulto responsable.


“A aplicación desta ordenanza vai supor que, por exemplo, en espazos como a praza de Amboaxe os nenos e nenas non poderán andar en bicicleta como leva acontecendo dunha maneira normal, cotiá e espontánea durante tanto tempo sen que isto supuxese ningun tipo de problema para a seguridade viaria do concello de Ferrol”, comenta o voceiro nacionalista.


Tamén se refire ás consecuencias que terá para os deportistas que empregan habitualmente o paseo da Malata para correr ou andar en patíns.


Parcial e limitada

Non é este o único aspecto que preocupa ao BNG, que acusa ao goberno local de ter pouca sensibilidade coas persoas con mobilidade reducida polas condicións que lles impón para xustificalo. Tamén critica as prazas que poderán usar no centro da cidade os vehículos oficiais.


Esta formación non está de acordo con que se permita estacionar autocaravanas durante unha noite (ou dúas se se move de sitio) nas rúas, en lugar dos lugares especialmente habilitados.


Iván Rivas apunta a que a ordenanza é “parcial e moi limitada” porque non fala de barrios como Caranza, Canido ou Ferrol Vello e non vai acompañada de documentos coma o Plan de Mobilidade, cuxa redacción se acaba de retomar. De feito, afirma que a ordenanza está en contradicción co obxectivo de peonalizar o barrio da Madalena.


“Pedísmoslle ao goberno local que paralice a tramitación desta ordenanza e reflexione sobre cales son os obxectivos políticos que quere acadar con ela”, conclúe o BNG.

O BNG pide que se paralice a nova ordenanza de tráfico que califica de “orwelliana”

Te puede interesar