Ata cando?

E máis que probable, aínda que non poida dicilo con rotundidade, que o primeiro filme que vin do actor mexicano Mario Moreno “Cantinflas” –moi de moda nos anos da miña infancia– fose Sube y baja (1959), se ben, a dicir verdade, non era comedia moito para nenos. Nestes últimos meses, por asimilar as continuas escaladas e desescaladas ás constantes subidas e baixadas no elevador e de status profesional do ascensorista Cantinflas, téñome lembrado dela, así como dalgunas escenas cómicas que sempre conservei na memoria.


Algo semellante me acontece con “La yenka”, aquela canción lanzada por Johnny and Charley, dúo de irmáns holandeses, en 1964. Axiña se fixo popular e ao ano seguinte, após a morte en accidente, dun dos membros do dúo, acadou límites de audiencia descoñecidos na altura, ata o punto de que se ten falado de que se pode considerar a primeira canción de verán que houbo en España. Recordo ben telos visto máis dunha vez na televisión. Á parte de polo pegadizo da canción son doados de recordar polo uso. nada común, do piano de boca que, se non estou trabucado, tocaba Charley. O tema prendeu tan ben que no verán seguinte –co referente da fase final do mundial de fútbol de Inglaterra– estivemos a bailalo nunha verbena nas inmediacións de Vilalba, como é posible que tamén recorde o amigo Rafa. E chegou aos nosos días nas voces orixinais, mais tamén nas de Enrique y Ana (1979), o grupo infantil Garabatos (1993), CantaJuego (2012) e algunhas máis:


“Bailaremos sin descanso siempre más / Y no hace falta comprender la musicá / Adelante y detrás y venga ya / Izquierda izquierda derecha derecha / Adelante detrás, un dos tres / Izquierda izquierda derecha derecha / Adelante detrás, un dos tres”


Abofé que o que querería é andar de diante para atrás, mais bailando a yenka –un dicir, que o corpo xa non está para moito salto–, non mudando de graos de mobilidade cada dous por tres. Pero o que levo visto neste día e medio de relaxamento de restricións non me dá moi boa espiña e iso que, como son persoa de risco e non estou vacinado, me sigo movendo con moita prudencia. Hai moita xente, non obstante, que se move cunha alegría desmedida, como se aquí non tivese pasado nada e non puidese volver a pasar. Tan pronto como sentan nunha mesa de bar ou cafetería tiran de máscara, falan a voz en grito, fuman pitillo vai pitillo vén... E o curioso é que os responsables dos locais miran para outro lado. Logo, se como consecuencia desa caste de imprudencias da clientela, volven ter que pechar os locais, sairán a protestar ás rúas como se a historia do sobe e baixa non tivese que ver con eles. Oxalá me equivoque, porque temo que en nada imos volver quedar sen boa parte das actividades que adoitamos chamar ocio.

Vese que hai ganas de airearse, pero aínda se ven máis as actitudes incívicas.

Ata cando?

Te puede interesar