Quen che mandou cantar

Tamén nós os galegos, temos a nosa gracia e noso sentido do humor, o que boa falta nos fai para aturar os reveses que nos da a vida, que non son poucos. Gracia quizais mais seria e meditada de acordo coa gravidade e o carácter que nos imprime a terra, ás súas choivas e ás súas néboas. O refraneiro galego é un fermoso tesouro, froito deste xeito de ser noso, onde cada ocasión, cada feito, ten a súa correspondente réplica que constitúe toda unha lección de filosofía existencial. É o que tamén soemos chamar retranca. 


Vexamos por onde vou:

A miúdo, cada vez máis, como se de acadar un récord se tratara, atopamos nos medios de comunicación, noticias incribles que están moi preto do absurdo, do esperpento máis ben. Agora resulta que hai que pagarlle á familia Franco o importe das obras de mantemento e reformas feitas no pazo de Meirás durante os oitenta anos que durou a súa ocupación. A cousa que pode parecer de coña, é rizar o rizo do esperpento como dixen máis arriba. Cousas veredes que non creredes. Habería que analizar a fondo de que obras se trata, quen as ordenou, quen as levou a cabo e quen as pagou no seu momento, se non foi co investimento continuado de fondos públicos. Tamén de estudar o impacto negativo que puideron ter no conxunto do señorial pazo. ¡Ai, se a condesa de Pardo Bazán, que foi quen construíu as que ela mesma chamou Torres de Meirás para vivir e traballar, erguera a cabeza!. Anque non coincidiran no tempo, non creo que a Doña Emilia lle acaesen moi ben nin Don Francisco nin a súa dona Doña Carmen, e viceversa.


A familia Franco segue, erre que erre, coa súa teima de zugar da teta do pazo reclamando disque un millón de euros, en base a traballos feitos dende 1938, data en que o ditador e a súa dona empezaron a desfrutalo como residencia de verán. E aquí ven a man o meu refrán de hoxe, como resposta ás súas exixencias. Espero que vos guste:


“Quen che mandou cantar meu crego, quen che mandou cantar meu frade, o que che mandou cantar, que che pague.

Quen che mandou cantar

Te puede interesar