Na Galiza, o IPC medrou en computo anual ate xaneiro de 2017 o 3,2%. Practicamente o dobre que un mes antes. Este dado contrasta co aumento das pensións nun 0,25% e dos convenios colectivos en aproximadamente un punto no último ano. Neste contexto o movemento obreiro terá que se mobilizar moi fortemente para evitar seguir perdendo poder adquisitivo. Agora ben, sería un erro que o sindicalismo só se centrase nos salarios, porque a presión fiscal e as prestacións e servizos públicos tamén inciden sobre o ingreso. E, en ambos os casos, durante a crise houbo un forte axuste en prexuízo da clase traballadora, mentres aumentaban as achegas ás empresas, mesmo para a súa deslocalización, coa escusa da competencia. Daquela que aumentase a desigualdade e a precariedade, que mesmo traballando se pode ser pobre, e que a concentración da riqueza e do poder non teña parangón dende antes da Segunda Guerra Mundial.
Asemade, o Banco de España propón que se adíe a idade para o acceso ás pensións, seica co obxectivo de garantilas. Esta proposta non ten en consideración o aumento da xornada laboral e dos ritmos de traballo, e que en sectores como o agro, construción, minería e limpeza os homes teñen unha media de vida 72 anos, polo que pouco se van beneficiar da xubilación aínda que teñan cotizado unha morea de anos. Tampouco ten en conta que os baixos ingresos do sistema obedecen a que os salarios perderon peso no PIB (xa que baixaron durante o axuste) e que medrou a economía en negro, xa que miles de horas que se traballan non se cotizan, e moitas nen se pagan. Ao que cómpre engadir as subvencións ás empresas por novas contratacións, conversión de temporais en fixos, e aos autónomos. Todo a costa dos ingresos ao sistema de pensións.
A clase traballadora continuará o proceso de regresión se todo se supedita á boa vontade do capital, que e consubstancial co aumento do lucro. É verdade que non todos os/as empresarios teñen a mesma actitude, porén esa é a tendencia dominante. Unha vía condicionada pola globalización e o aumento da man de obra de reserva. Pódese transformar a realidade con xustiza social, soberanía e mobilización.