Case todo o mundo pensa que se alguén incumpre unha lei ou un acordo, debe responsabilizarse dos seus actos e pagar a multa correspondente. Mais na economía as cousas non son tan sinxelas. Por exemplo, segundo os que mandan na UE, o goberno español “relajó el esfuerzo en el 2015”, e incumpriu o compromiso do déficit. Agora, o goberno terá que esforzarse máis para evitar unha nova recesión. E din que España pode ser multada cuns dous mil millóns de euros. É dicir, o goberno comete a falta e a multa pagámola os españois. Para a xente de a pé, esa decisión non ten sentido, porque o normal sería que, o que cae no delito sexa quen pague a multa. Pero son as leis da economía ou dos mercados, dirán os entendidos. E nós, que non somos entendidos, seguimos sen saber quen son os mercados, pero imos entendendo mellor aquilo que dixo Montoro: “os mercados non son gilipollas”. Xa que logo, cada día que pasa colle máis forza a idea de que, “os gilipollas” somos nós. Non é? .