Aínda non son chegados



Daquela, cando a miña nenez, os tempos eran máis lentos do que hoxe son. Onde xa vai!!
Nin reclamo a súa volta, nin quixera ser un vello aburrido dos que contan “batallitas” aos netos. Aos netos, hailles que contar, cando están en condicios de entender, a verdade, e namentres contos que os formen e os entreteñan.Para o tempo especial dos netos sempre hai que ter tempo, onde non, fabricalo.
Hoxe, a maioría das persoas somos unha burbulla de gas movidas polo vento da inquietude e a enfermidade da aceleración.
O tempo non chega a nada. Somos uns bule-bules. Os días deberan ter 48 horas de 120 minutos. Daquela, digo, sempre chegaba, aínda que as ferramentas de traballo eran máis rústicas.
“Deixade correr o tempo, para que os figos maduren”.” Unha hora para morrer, non ha faltar”. “Tranquilos, que despois de maio vén SanXoán”. Dicía miña avoa Mari Pepa, traballadora onde as houbera, pero sempre atopando tempo para un descanso e unha parolada.
Hoxe, coma quen di, case non hai tempo nin para liar un cigarro, por iso xa os venden feitos. Non hai tempo para amarnos; nin o tan necesario para compartir coa familia e cos amigos. Semella camiñanos na busca do tempo perdido, e por moito que aceleremos o motor non o imos recuperar.
Móbil na man, coma tolos tropezando coas farolas, coas árbores, uns con outros, tal autómatas na procura do “Pokemon”; como se non houbera nada mellor que facer entre persoas cordas e intelixentes. Aínda que cada quen, non facendo mal a ninguén, incluso pode roer a súa propia roupa. A eses trapalladas non se lles pode chamar progreso.
Non será, que na vez de andar á procura do Pokemon extraviado, andamos na do parafuso que perdimos ao amolecernos os miolos de tanto matinar, como é posible que uns vivan a corpo de Rei Centolo (á nosa conta)e nós, a sociedade traballadora e productiva mendiguemos aos políticos en todos os tempos?
E ao gran capital, que tal depredadores non deixan que se poña o Sol alí onde meten os pezuños. O Mundo, onde hai bicoca.
Dicía don Eduardo Pondal no primeiro verso da última estrofa de Os Pinos, que “Os tempos son chegados”. De momento non, pero chegarán meu admirado poeta.
Agardo, como tantos millóns de persoas, que a tan canalla e vergonzosa desigualdade entre persoas teña os tempos contados e sexa nun próximo futuro.
Quen pasa dos tempos é don Mariano Rajoy. Agora neste tempo-ouro de formar goberno. Tempo preciso e precioso, que debera ir á velocidade do raio transparente, e non á da “carrilanaferrobús” que pola beira das rías nos leva á cidade herculina.
“Dejar pasar el tiempo. Tiempo al tiempo; ya caerán como higos migueliños, mientras nos escachamos de risa”. Dis que di don Mariano aos seus máis íntimos.
Aínda que certo que ten presa en aprender catalán, por se os seus temposintereses foran chegados. En privado, na ducha, xa cantaruxa algunha copla popular e comeza a interpretar uns pequenos movementos de sardana, coma “naqueles tempos” fixera o seu padriño político e íntimo amigo don José María Aznar, ambos serodios políglotas, aínda que o galego non se lles dá ben, e, no caso de don Mariano, non é porque non o intente.
Varios días á semana tomo o café na compaña de amigos e amigas. Falamos de diferentes temas e discutimos sobre os mesmos. Lóxico, cada quen ten a súa opinión.
De política, cada vez falamos menos. Hai canseira, e é normal. A min doeme, non debéramos meter no mesmo saco Política e políticos, sabendo tamén, de feito que hai políticos honestos. Coido que defender unha política intelixente, honesta e democrática (non a que se esta facendo hoxe polo equipo do PP.) é un deber, e falar dela para defendela ou criticala é moi saudable para a Democracia.
Neste momento, a política estatal precisa con urxencia un cambio. Non só lavarlle a cara, que sería máis emporcala. Extraerlle o tóxico que se lle foi inoculando nos últimos anos. Unha rexeneración na que participen tódolos partidos e grupos políticos que representan, democráticamente, ao pobo.
Se os partidos e grupos políticos, como din, teñen responsabilidade de país, a que agardan para formar un goberno de maioría progresista?

Aínda non son chegados

Te puede interesar