Fene. A conveniencia dun novo dique seco

Desde que en 1983 o Goberno socialista presidido por Felipe González, de forma arbitraria convertese ao estaleiro de Fene en moeda de cambio para satisfacer as esixencias de reconversión industrial impostas para a entrada no Mercado Común, a emblemática factoría naval deste municipio coruñés quedou excluída do mercado convencional, e non en razón a limitacións funcionais senón pola maquinada determinación de supeditar sen pés nin cabeza o futuro desta factoría aos intereses doutros territorios do Estado de maior afinidade política 
Un despropósito que sostivo a súa secuencia durante 32 longos anos, á marxe da alternancia bipartidista e das políticas aplicadas polos diferentes gobernos que durante o período desempeñaron sen distinción o PP e o PSOE, falando por se só o fracaso dos seus efectos tal cal reflicte o actual balance de resultados, que unha vez superadas as prohibicións impostas por Europa ten por todo referente como consecuencia do actuado, unha carteira de contratación baixo mínimos e a drástica redución de seis mil setecentos traballadores de plantilla e tres mil douscentos das empresas auxiliares.
Estrepitoso fracaso que evidencia o nulo resultado das denominadas políticas de reindustrialización así como dos sucesivos plans de diversificación comarcal, que por falta dunha planificación coordinada e o seu elevado grao de improvisación, non só non lograron acabar co monocultivo do sector naval senón que forneceron o efecto contrario restrinxindo toda posibilidade de recuperación do que sen dúbida, pola súa singularidade característica ostentaba a condición de ser o principal e máis estratéxico estaleiro europeo. 
Anomalía que converteu a Fene como concello de radicación no referente do esperpento industrial por antonomasia, ante o feito anacrónico de ter unha factoría infrautilizada en contraposición á súa posición de liderado do paro galego.
 Pero a deducir da actual traxectoria, en materia de política industrial mais que aprender do ocorrido evitando cometer idénticos erros, empeñámonos en tomar análoga dirección á hora de establecer previsións de continuidade no segmento de negocio de reparacións, actividade que á marxe dos avatares do proceso de reconversión, logrou non só saír indemne senón afianzar un nicho de mercado e mesmo alcanzar condición punteira a nivel mundial. 
Unha posición dominante que de non reaccionar con dilixencia pode non só verse debilitada senón convertida en testemuñal, debido ao inadecuado dimensionamento das súas instalacións en contraste ao novo escenario que se producirá coa apertura ao tráfico o próximo día 26 de xuño das novas esclusas da terceira vía da Canle de Panamá, por ser este o momento en que os post-Panamax, converteranse no novo estándar de barcos en detrimento paulatino da frota convencional.
Sendo por iso, que ante esta nova realidade, mais que instalarse na ambigüidade da espera, o seu sería afrontar sen dilación a elaboración dos estudos preliminares de viabilidade e de rendibilidade do proxecto de execución dunha infraestrutura axustada á nova realidade de mercado, cuxa tipoloxía por maior funcionalidade debe corresponderse coa dun dique seco; que por garantía debe ir precedido dun acordo político de consenso, ademais do correspondente programa de actuación, como tamén do plan económico financeiro de acompañamento e mesmo do establecemento de protocolos con socios estratéxicos e operadores. 
 E todo iso afianzado nas favorables expectativas de crecemento do tráfico marítimo mundial no contexto dun emerxente mercado de exportacións e importacións de mercadorías, tendo de engadir a iso a achega dunha inmellorable posición xeográfica no marco das rutas atlánticas, e o mais que previsible incremento da actividade marítima que elevará o incremento da actividade de reparacións no marco das novas unidades de frota, que coa implantación desta infraestrutura, poderían acceder ao mercado do que actualmente están excluídas.
Terceiro dique seco cuxo emprazamento por idoneidade e cohesión espacial debera localizarse no contorno contiguo ao dique dous da antiga Astano, de tal xeito, que a configuración da súa implantación, garantindo o aloxamento ao seu interior de megabuques de última xeración non teña maior penetración na ría que o agora existente, para con iso, mitigar o impacto ao medio mariño e facilitar igualmente a conformación e ordenación dunha área concreta de reparacións, que ademais de agrupar as instalacións vinculadas á actividade anexione os espazos ociosos necesarios para favorecer a racionalidade de tránsitos interiores no recinto do redimensionado enclave.
Sendo agora, en coincidencia coa iniciada campaña electoral, o momento apropiado para instar das formacións políticas participantes nos comicios que concreten o seu compromiso de referendo á execución desta infraestrutura marítima, que de non afrontarse coa oportuna celeridade ademais de agravar a precaria situación do estaleiro, abocaría o futuro do sector de reparacións a un canellón sen saída.

Fene. A conveniencia dun novo dique seco

Te puede interesar