Teito de gasto, crime social. Un lustro de recortes permite recoñecer que esa política que practican os gobernos deste réximen en descomposición non é un erro, é un crime social que sirve para que uns poucos gañen en cartos que non tributan ou apenas o que a grande maioría da sociedade perdemos en dereitos e servizos públicos. O PP de Feijóo aprobou onte, nun simulacro parlamentar, un teito de gasto que supón que a Xunta terá o vindeiro ano 3.000 millóns de euros menos para facer políticas públicas que sirvan á nosa cidadanía en materia de educación, comedores escolares, escolas infantis, becas universitarias, sanidade pública, investimentos produtivos como o dique flotante…, tan necesarias. En cinco anos, a Xunta perdeu, contando o efecto da inflación, o 40% do seu orzamento. Cando a sociedade galega necesita máis do seu autogoberno e doutra política económica e social alternativa, Feijóo teima en afogarnos nunha ortodoxia neoliberal que causou esa crise que custa de cote sangue, súor e bagoas.