Míticos no leito

O santiagués José M. Méndez (1956), de seudónimo Pitelos, ofrece no  Colexio Oficial de Médicos unha selección de obra da magna exposición “Miticos no leito”, realizada no Museo do Pobo Galego no ano 2016, na que retrataba a coñecidos persoeiros das nosas artes escénicas baixo a figura dun mito escolleito por eles.

Doce daqueles oitenta retratados, entre os que están Manquiña, Rabón, Morris, Quico Cadaval, son agora os protagonistas desta mostra, na que Pitelos desenrola a súa fabulosa capacidade imaxinaria compoñendo escenarios que teñen moito de teatral. O contrapunto  entre a realidade de hoxe e o mundo mítico converte o retrato da persoa nun relato de connotacións surrealistas e na que cada retratado aparece, en realidade, como si estivera actuando nunha obra dramática.

Así, Sergio Pazos representa a Acteón, a quen o mito converte en cervo por ter visto a Artemisa espida,  e que aparece aquí como si estivese saíndo dun cadro de caza mentras contempla á deusa dormida nunha estancia na que hai modernos artiluxios cinexéticos. Suso Montero fai de Argos e, como a este, sáenlle  do corpo moreas de ollos que camiñan cara a cola dun pavo real branco, para enfeitalo.

A maga Circe, que transformaba aos homes en animais, como sucedeu cos sompañeiros de Ulises na “Odisea”, é personificada por Victoria Pérez que aparece sentada sobre unha ara pétrea con insculturas que lembran os nosos petroglifos. Quico Cadaval é, nada menos, que o inventor Dédalo que, rodeado de ferramentas e ata dun ordenador, está atarefado na construcción  da vaca que lle encargara Pasifae . Sergio Zerraeta tamén interpreta a Dédalo no intre de sair voando coas súas famosas ás por unha autopista.

Xosé Manuel Rabón aparece espido nunha praia xogando as batalliñas con soldados  de chumbo, coma si dun eterno neno se tratase, representando ao sabio Néstor, que fora loitador en moitas batallas coma a dos lapitas contra os centauros . Manuel Manquiña fai de Teseo, no intre de ser apresado por Hades cando desceu ao seu mundo para raptar a Perséfone; a cousa sucede no medio dun banquete trampa ofrecido polo deus e Manquiña berra aterrado, mentres uns tecidos de fíos serpeantes o van apresando.

Susana Dans interpreta á sacerdotisa Ifigenia; Rafael Grigori encarna a Edipo enfrontado a Esfinxe; Miguel Pernas e Imma Antonio son Alcmena e Anfitrion; e Pablo Piñeiro actúa de Licaón, a quen Zeus convertiu en lobo. Completan a mostra seis esculturas, en tres das cales: Selene, Niobe e Venus  está presente a forma ovular, tan característica no seu quefacer no que o alegórico e simbólico son unha constante. Espectaculares son os tres bustos: Coirosa, Metalosa e Iris feitos de obxetos reciclados, que teñen  reminiscencias dada, pola metamorfose significativa que poden adquirir obxectos tales como uns cornos, un crucifixo ou  unha lámpada.

Esta mostra da fe, unha vez máis, da  versatilidade creadora deste artista que –como él confesa– foi seducido dende neno polo mundo do surreal e do onírico.

 

Míticos no leito

Te puede interesar