A Casa de Cultura Salvador de Madariaga ofrece a mostra “ Desde a miña mirada” de José Manuel Yáñez Rodríguez ( A Coruña, 1953) que é Doutor en Historia da Arte, Arquitecto Técnico, Enxeneiro de Edificación, profesor universitario e, actualmente, Xefe do Servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación da Coruña. Pero, alén de todos eses méritos, aos que hai que sumar estudos e publicacións sobre Faros de Galicia, Mosteiro de Caaveiro, dolmen de Dombate, alfares de Buño e tantos outros, hai que destacar a súa apaixoada dedicación pictórica a reflectir o noso patrimonio arquitectónico, do que deixou abundantes exemplos en exposicións, como “A carón do mar”, “O camiño do fin do mundo”, “Paisaxes urbanas, paisaxes humanas” ou “Olladas ao Camiño inglés”, entre outras.
Esa mesma paixón é visible na mostra actual, na que ofrece dous grupos de obras: uns 50 debuxos a tinta nos que recolle recunchos i edificios emblemáticos da nosa cidade, como a Praza de Azcárraga, A Colexiata, o xardín de San Carlos, a Casa Cornide, a Casa das Ciencias, o Castelo de San Antón ou o muiño do Parque de Santa Margarita; e outros 50 debuxos a tintas acuareladas, en tons cálidos que van dos dourados ao sepia, nos que viaxa por diversos lugares das catro provincias galegas para deixar testemuña da enorme variedade e riqueza da súa arquitectura. Así, redescúbrenos espazos históricos, como a rúa da Fonte de Unta de Betanzos, a Praza da Constitución de Ferrol, a Igresa de Santa María A Nova de Noia, a Algalia de Abaixo de Santiago, a Praza da catedral de Mondoñedo, a Praza Maior de Ourense, a Praza da Leña de Pontevedra, entre outros sitios admirables. E cada un deles está reproducido por medio dun minucioso e cuidado debuxo no que contan os máis mínimos detalles e no que se percebe a fruición contemplativa de quen ama o que debuxa, ata o punto de recrealo en demoradas liñas polas que transita a vivencia de mirar con fidelidade, a ese xeito (hoxe xa case esquencido) dos vellos maestros da plumilla e da tinta china. Unha arte amorosa e sen grandilocuencias, un tanto allea as veleidosas invencións da contemporaneidade.
Os ollos e as máns de J. Yáñez son as do constructor que ten que compor os edificios de maneira que a beleza vaia dacordo coas reglas arquitectónicas, pero percébese tamén a poética e o asombro do namorado da obra ben feita que, con humilde delectación, quere facer un canto a todos aqueles que nos legaron tan maravillosos recunchos nos que podemos ler cultura herdada, xa veña do eido académico ou do popular. E se aquí J Yáñez fai un canto ou oda engaiolada á nosa arquitectura máis noble, hai que decir que está tamén preocupado pola desaparición do noso rico patrimonio etnográfico, como hórreos, alpendres, palleiras, fontes, lavadeiros,ermidas, muíños... que forman parte, como diría Labra, da cultura que nace do culto e do cultivo. Ese singular espíritu de noso, inmortalizado en construcciós de pedra, ferro e madeira, é o que vibra nestes debuxos.