Do narcisismo á depresión, agonía en mans do neoliberalismo

Interesante. Unha interpretación filosófica dun feito en apariencia insubstancial, como pode ser o EROS, é quen de achegar as claves hermeneúticas e situarnos nas consecuencias que ten para o ser humano o sistema capitalista nesta fase salvaxe, neoliberal ou ultraliberal.
Iso é o que acontece co libro do filósofo Byung-Chul Han, La agonía del Eros (Herder, 2014). Mais, considero que é a miña experiencia como lector, e como pensador dos feitos políticos e sociais de hoxe, a que se cuestiona permanentemente sobre un exceso de silencio -ou resignación?-, sobre unha certa ausencia da forza da negatividade, que debera levarnos á exaltación da necesaria revolución democrática para que nada sexa mañá como está sendo hoxe.
O filósofo Byung-Chul Han considera que a negatividade é necesaria para enfrontar a experiencia do que significa vivir e desexar. Curiosamente, esta negatividade “desaparece  por todas partes. Todo es aplanado para convertirse en objeto de consumo” (pp. 10-11). Así, un mesmo devén un altar narcisista para o autoeloxio permanente.
E como isto é, loxicamente, incompatible coas propias consideracións do EGO en SOCIEDADE, as persoas que viven de forma narcisista deprímense. Non son conscientes dos limites. Por iso concordamos con Byung-chul Han: “La depresión es una enfermedad narcisista. Conduce a ella una relación consigo mismo exagerada y patológicamente recargada. El sujeto narcisista-depresivo está agotado y fatigado de si mismo” (p. 11).
Cando un pensa en si, des-agregándose do OUTRO, separándose do OUTRO convértese nunha persoa sen relación. E, por iso, o EROS é a forza que nos conduce ao OUTRO. Pode que a carencia de empatía actual explique a deriva racista das nosas normas institucionais e das nosas prácticas sociais.
Poder. Deber. Poder, verbo esencial desta sociedade do rendemento é peor, en esencia, que o verbo deber, trazo da sociedade da disciplina, propia do franquismo, por exemplo. En efecto, baixo a ilusión da libre elección, un pode facer todo o que queira e desexe, mais rematamos por esixirnos imposibles. Aí comeza a frustración. E a depresión.
Como di o noso filósofo: “la llamada a la motivación, a la iniciativa, al proyecto, es más eficaz para la explotación que el látigo y el mandato” (p. 19). En síntese, diríamos que no noso país pasouse da disciplina franquista á era da motivación neoliberal. Para iso, o neoliberalismo tivo que erosionar os elos relacionais que unían as persoas entre si. Esnaquizou o elo de solidariedade, de fraternidade, relegando a cada EGO ao espazo definido, desde os medios de desinformación masiva, como único, propio ao indivíduo. “El tú puedes incluso ejerce más coacción que el tú debes” (p. 21).
Render. Motivar. Emprender. Arietes do discurso neoliberal. Son a chave para poder facer o que máis desexa o neoliberalismo: competir.  E se competimos, matamos a EROS, que simbolizamos como a metáfora que alimenta o elo relacional entre EGO e o OUTRO.
Por iso, o neoliberalismo inventa técnicas para agochar a ruptura. Inventa a dixitalización das relacións humanas a través de internet. E de novo concordamos co filósofo, o negativo sería a lonxanía, porque implica unha tensión vital, necesaria para darnos conta do OUTRO. O invento da proximidade dixital, no fondo, fai desaparecer ao OUTRO.
Precisamos negatividade, a tensión que nos fai aprehender ao OUTRO como parte de nós mesmos. O EROS como motor, onde o amor ten que ser ferida, invasión, elevación e caída. Negar a negatividade do AMOR é matalo, destruír as relacións humanas. Non entender que somos diferentes, que pensamos diferente e que temos que trascender esa diferenza, provoca, de forma inevitable, a ruptura.
Por iso, o neoliberalismo domesticou o amor. Convertéuno nunha fórmula de consumo, “como un producto sin riesgo, sin atrevimiento, sin exceso sin locura. Se evita toda negatividad, todo sentimiento negativo” (p. 33). Mais o negativo é preciso para entender ao OUTRO. Non existen os contos de fadas. Edulcorar a realidade, como fan algúns pais e nais, algúns educadores mesmo, só conduce a unha exaltación narcisista, e de aí a frustración e a depresión.
“Al amor de hoy le falta toda trascendencia y trasgresión” (p. 34). En efecto, nada peor que a folla de ruta calculada e idealizada desde o berce. Cómpre darse conta do camiño en que nos situaron e parar. Cambiar de forma de ver e vivir a vida. Recuperar o camiño de EROS e liberarnos da cadea da depresión neoliberal e do seu sistema de pensamento único.

 

Do narcisismo á depresión, agonía en mans do neoliberalismo

Te puede interesar