Pasapalabra

Un dos programas de entretemento máis veteranos e popular da TV. Está en antena dende o ano 2000, cando empezou en Antena 3. No 2007 pasou a Tele 5 e aí continúa de luns a venres, tódalas tardes a partir das 20 horas. 

Durante case vinte anos, pasaron por el varios presentadores de sona e unha gran cantidade de concursantes, acadando algúns destes, premios millonarios. O récord teno Eduardo Benito, un comercial madrileño de 38 anos, que conseguiu 2.190.000 euros o oito de marzo do 2006, nunha soa xeira, o que se chama chegar e encher. Tamén se pode aplicar aquelo de veni, vidi, vici que dixo Julio César no Senado 47 anos A:C. Era o tempo de Antena 3 e, hai que dicilo así, o rosco que lle tocou en sorte, que non podía ser máis doado, ole a can dende lonxe.

O concursante de máis sona foi Fran González que gañou 1.542.000 eurazos o 22 de xaneiro do 2019, establecendo o récord de permanencia en 168 días, xa na era de Tele 5

O programa está baixo sospeita de plaxio por unha denuncia do grupo británico ITV Global Entertainment. Seica foi copiado dun formato orixinal británico titulado The Alphabet Game. Parece ser que a decisión final depende do Tribunal Supremo, que podería prohibir a súa emisión. 

Eu vexo o rosco final acotío onde neste intre se enfrontan Jero, un profesor da universidade de Salamanca, que xa sobre pasou os cen programas e un rapaz novo chamado Orestes que anda arredor dos sesenta, curiosamente estudante na mesma universidade, mantendo ámbolos dous o interese do respectable dende o mes de maio pasado. 

Tamén aquí hai sospeitas, neste caso de favoritismo, uns din que a prol de Jero e outros de Orestes. O que si está moi claro é que os rexedores manteñen, contra vento e marea, o duelo entre os dous na procura dunha alta cota de pantalla, e iso si que se nota moito. O favoritismo consiste na distinta dificultade das preguntas a un e a outro, segundo conveña. A cousa, ao meu xuízo, ten unha solución ben doada que consiste en poñer o mesmo rosco para ámbolos dous concursantes que, loxicamente deberán estar illados un do outro. Por riba de eliminar a sospeita de favoritismo, e a posibilidade de tongo, penso que o programa tería un interese engadido polo feito de que ata rematar o rosco final, cada duelista descoñecería o grado de acerto do seu rival.

Renovarse ou morrer, que a xente estase a fartar de tanta manipulación.

Pasapalabra

Te puede interesar