Setembro, mes de exames

|

Nun par de semanas vai facer corenta e dous anos que estaba eu finalizando o primeiro período das milicias universitarias. Achegábase a xura de bandeira, fixada para os primeiros días de outono, e o calor non remitía. Iso xeraba un problema de uniforme. A climatoloxía aconsellaba a camisa do verán, mais a ordenanza falaba da guerrera do inverno. Non ditaminou o amencer do día sinalado –o máis lóxico–, senón a ordenanza e, só, houbo desmaios. Setembro de 1972. Lembroume este acontecemento o que está a pasar coa vixilancia nos nosos areais. No que vai de semana, sen socorristas, xa houbo quen tivo que facer fronte a dúas emerxencias. Non pasou nada, mais puido pasar e hoxe todo sería un lamento. É un despropósito contratar eses servizos días contados, independentemente do tempo que vaia. Se hai sol a xente vaise bañar aínda que sexa setembro (que, ollo!, segue sendo verán) e se o tempo vén mal non vai á praia malia así for agosto. E a climatoloxía dos últimos anos dinos que ata mediados de outubro, ou case, pode haber verán. Setembro de 2014.

 

Setembro, mes de exames