MIRANDÉS

Anda o persoal feliz co mataxigantes procedente da beira do Ebro, alá por terras de Burgos, non lonxe do desfiladeiro de Pancorbo e dos míticos montes de Oca. E é que nada presta máis á xente que un pequeno papando a un grande. Máis aínda no mundo do fútbol, onde os “millonetis” son os que fan marcar o paso aos demais. Mágoa, digo para mín, contento tamén coa xesta, de que o Mirandés deba xogar agora co Athletic, equipo polo que devezo e que este ano ben poidera gañar esa copa na que é un clásico.

Mágoa, porque o Mirandés, Segunda B, non se esqueza, está escribindo unha historia fermosísima. Toda unha épica. O Racing de Ferrol, no ano 39, si, xa coñezo as circunstancias bélicas (en todo caso malas tamén para nós) chegou xogar unha final de Copa, en Barcelona, contra o Sevilla. O Racing daquela era clube de Segunda. Hoxe xa nin o sei, que mareo (son présbita) se ollo a táboa clasificatoria cando se atopa moi abaixo.

O Mirandés está do máis boiante. Tamén no grupo regular do que é o líder. Nun futuro os mirandeses poderán falar con arruallo do ano que viviron tan gozosamente. E nós tan contentos. E acabo co vello conto do nacho que ollaba, descarado, para o “balcón” dunha nacha. E dixo esta: “¿Qué, de Miranda?” Mais o caralavada do tipo respondeu: “Non, de Beteta.” Beteta, en fin, está nas alturas de Cuenca. Onde as augas de Solán de Cabras, tan efectivas para os cólicos nefríticos. Dou fe, dou.

MIRANDÉS

Te puede interesar