Hai momentos onde a responsabilidade e a mellor medicina para afrontar crises sanitarias como a que sufrimos. Estamos en estado de alarma, o que obriga a todxs a unha responsabilidade social colectiva. O coronavirus é xa unha pandemia declarada coma tal pola OMS. Un mal que dende un punto concreto de China, e en moi pouco tempo, acabou por colonizar os cinco continentes. Xa non é un tema de que sexa máis ou menos grave, ou cunha mortalidade máis ou menos elevada que outras enfermidades víricas.
Trátase da irrupción na escena sanitaria dun novo virus e haberá que contemplar medidas e protocolos para afrontar a súa influencia sobre o noso corpo e os nosos sistemas inmunitarios, seguindo especialmente a incidencia que poida ter, sobre os chamados grupos de risco. E para elo hai ditadas medidas de prevención a nivel individual, e tamén outras a nivel colectivo que hai que contemplar, respectar e cumprir. Aquí é onde entra en escena o sentido común. Hai quen crea e difunde ruído, busca culpables e acusa absurdamente, facendo fincapé nun alarmismo non xustificado e buscando o desgaste político do goberno de turno. Esquecen que todo ten o seu tempo, e que o de agora é o de loitar para minimizar o impacto deste mal. Tamén hai quen nunca entende nada, e aproveitan estas circunstancias para trasladarse a zonas costeiras, causando un risco innecesario, e saltándose as recomendacións de quedarse na casa, como medida para frear o incremento e a velocidade dos contaxios.
Pero tamén disto temos que sacar lecturas positivas. E cuestión de respecto e de civismo, de concienciación social, e de medir as consecuencias derivadas das nosas accións. Estamos xa noutro estadio e todxs somos necesarixs. Non precisamos histerias, bulos nin alarmas infundadas. Exercitemos a prudencia, a responsabilidade e o sentido común. Será mellor para todxs.