AS RELIXIÓNS NUN MUNDO CAMBIANTE

Xa hai tempo que este mundo moderno no que vivimos viña pechando a porta as relixións acusándoas, en bastantes casos con razón, de reaccionarias e opostas aos avances da sociedade. Dende que empezou este desencontro, nin os fieis seguidores nin as organizacións relixiosas cos seus dirixentes e xerarcas fixeron moito por cambiar a situación. O cambio cultural causado pola entrada da ilustración foise metendo na forma de pensar da xente ata quedar como está actualmente. Na actualidade a relixión perdeu interese e a maioría de esas organizacións encóntranse desorientadas nunha encrucillada camiñando cara o deserto. Asentadas como estaban dende hai séculos, nada fixeron practicamente por adaptarse ao xeito de vivir da xente. Evitando a autocrítica da súa forma de estar no mundo, as relixións escudáronse e defendéronse dicindo que os cambios culturais nas persoas eran sempre ataques en contra delas, cerrándose de esta forma a calquera intento de diálogo. Deberían haber caído na conta de que a hora definitiva era chegada, e non lles quedaba alternativa: quedar como grupos residuais nesta sociedade plural que cada día lles presta menos atención, ou adaptarse e ir collendo de novo o espazo do que nunca deberan terse ausentado; é dicir, servidoras dos pobres, dos humildes e dos desafiuzados e defensoras dos seus dereitos fronte ás inxustizas e os abusos de poder de esta sociedade consumista que adora o becerro de ouro. Porque quen precisa das relixións son os pobres, non Deus. Encerrados no templo e entretidos en liturxias e rezos, moitos practicantes encóntranse aburridos e perdidos. Xesús, cando entrou no templo expulsou indignado aos negociantes porque o tiñan convertido nunha cova de aproveitados e de ladróns. Xesús non usaba o templo para facer oración senón que sempre a facía na natureza, a ceo aberto. Nos derradeiros días da súa vida, foi cos discípulos ao horto das oliveiras, e apartándose deles  retirouse a orar. Alí fixo oración de fillo a pai, íntima e longa, tanto que cando retornou os discípulos xa estaban durmindo. Xesús tiña conciencia clara de que o poder do Templo –os sacerdotes– querían acabar con el. E así o fixeron aliándose coas autoridades do Imperio ás que tamén lles estorbaba o Nazareno. Por iso Xesús necesitaba, especialmente neste trance, da axuda do Pai para manter a enteireza. As relixións, todas, precisan de unha profunda reconversión e retornar aos fundamentos espíndose das prerrogativas que conseguiron en alianzas cos poderes económicos e políticos.

AS RELIXIÓNS NUN MUNDO CAMBIANTE

Te puede interesar