As contradicións do progresismo

Os dados indican que Correa en Ecuador, Lula en Brasil, Kirchner en Arxentina, e outros gobernos progresistas semellantes na América Latina foron mellores para as clases populares deses países, que aqueles da dereita que os relevaron. Agora ben, pretender, como se quere dende sectores intelectuais ligados a estes procesos de “cambio”, ver a responsabilidade de que perderan o poder polas criticas dende a esquerda é unha mala escusa. 

Sendo certo que en determinados momentos, por exemplo nos procesos electorais que gañou Macri e Bolsonaro, a esquerda radical non valorou axeitadamente o contexto e non comprendeu a importancia de fortalecer o polo democrático, non se pode obviar que foi consecuencia dos erros e incoherencias das forzas progresistas que exercían o poder. Elas foron as que non fixeron as transformacións profundas que pedía o pobo, as que non compartiron dificultades e protagonismo coas clases populares, as que non cortaron pola raíz os casos de corrupción, as que preocupadas pola “normalidade democrática” buscaban complicidades con sectores das clases dominantes. 

Sen dúbida o ultra-esquerdismo non axuda nos procesos de cambio, porén as eivas son produto daquelas forzas que unha vez no Goberno fan deixazón dos proxectos estratéxicos, tratando ás clases populares como receptoras e non como protagonistas das transformacións. O acontecido en América Latina, e en versión máis moderada en Europa, amosa que as políticas de subsidios non axudan ao cambio cando deixan de ser conxunturais. O fundamental é garantir traballo digno a todos e todas, que as persoas non sexan dependentes senón libres, construtoras co seu esforzo do seu futuro. Só aquelas incapacitadas para o traballo, por idade e algunha eiva, teñen o dereito de recibir por vida unha axuda pública. 

Na globalización neoliberal os máis ricos cada día pagan menos impostos, e utilizan todo tipo de argucias para canear a contribución fiscal e defraudar. Mesmo así se lles gaba como benefactores da sociedade. O peso impositivo cebase sobre o consumo e os salarios. A redistribución dos ingresos faise entre os que forman a base da pirámide, entre os que reciben salarios medios e aqueles que teñen ingresos mínimos ou carecen deles. Unha socialización nos de abaixo que alenta o medre da desigualdade. Este circulo vicioso é o que ten que rachar a esquerda, tamén a nacionalista. Ligando as políticas institucionais reformistas cos cambios estratéxicos. Non se trata de facer caridade senón de que exista xustiza social.

As contradicións do progresismo

Te puede interesar