A Parrocheira e as Meninas, tradición ou modernidade?

Vivindo na capital do Reino de España tiven ocasión de ler o libro “Tradición y modernidad”, onde Tierno Galván, o vello profesor, pescudaba en ambos termos, sen contrapoñelos se non tratando de concilialos. Deste xeito poderíase lograr en calquera escenario, mesmo o espazo urbano, que esta dialéctica entre os amigos da tradición e a historia e os partidarios da modernidade e a innovación se manifestase de xeito coherente na consolidación do patrimonio material e inmaterial.
Situándonos no eido da tradición, cumpre lembrar que no barrio de Ferrol Vello levantouse a igrexa parroquial o ano 1767, baixo a advocación da Virxe do Socorro, de especial devoción entre os veciños que xa celebraban o Rosario da Aurora no oratorio da Virxe da antiga Porta do Castro. Durante moitos anos tiveron gran relevancia as festas na honra da Virxe do Socorro, a popular Parrocheira. Contan as vellas crónicas que as vendedoras das sardiñas da ría, cando a ducia delas valía medio real, dedicaban os cartos da súa venda primeira a esta festividade. E deste xeito, xuntaban “mota a mota” o diñeiro para pagar as festas e, de pasada, mercar un novo vestido de raso para a Virxe.
Así naceu a celebración da Patroa de Ferrol Vello na primeira quincena do mes de Setembro, festa de carácter esencialmente mariñeiro e marítimo celebrada na beira do peirao de Curuxeiras, con comparsas de xigantes e cabezudos, verbenas populares, misa de campaña e procesión marítima, regatas de traiñeiras, xogos de cucañas e fogos artificiais acuáticos. As festas da Parrocheira tiveron os seus mellores momentos a mediados do pasado século, cando era o seu impulsor, Manuel Beceiro, persoa de gran prestixio dentro do barrio, un de tantos emigrantes ferroláns a Ultramar e logo fundador da coñecida Fábrica de Xabróns Beceiro.
Aínda que coa entrada do segundo milenio, perderon a súa relevancia as festas da Parrocheira, hoxe en día a Maite Fernández e a Asociación de Veciños de Ferrol Vello trata de mantela tradición neste difíciles tempos. Nun axustado programa, o pasado fin de semana, se levou a cabo desde un encontro de embarcacións tradicionais ata a unha churrascada popular, pasando pola tradicional procesión marítima na que a Virxe do Socorro a súa volta ao santuario contará coa habitual compaña musical do Real Coro Toxos e Froles.  
Entrando agora na modernidade, temos que falar da singular iniciativa cultural das Meninas, levada a cabo, desde o ano 2008, durante tres anos no barrio de Canido. Utilizando as fachadas das casas en mal estado do barrio como soporte artístico, un numeroso grupo de pintores de diversos lugares encheron de diferentes versións das Meninas de Velázquez o barrio alto da cidade, conseguindo unha gran proxección máis aló da cidade, mesmo no estranxeiro.  
Anque por diversas circunstancias, entre elas o escaso apoio municipal, deixouse de celebrar estes últimos anos, o pasado fin de semana levouse a cabo unha nova edición das Meninas, grazas ao traballo persoal de Eduardo Hermida, constituíndo un magnífico exemplo da posta en valor do contorno e do papel que pode xogar a arte na humanización e dignificación dun espazo urbano degradado. Por mor desta nova edición case douscentos artistas decoraron de novo o barrio das obras que nunca rematan, mentres que diferentes actividades culturais e lúdicas complementaban o seu traballo.
Dous apuntes para rematar. O primeiro deles, unha pregunta lembrando a Rafael  Alberti: onde estaban os pintores e artistas ferroláns de agora ? Quizais prefiren para os seus traballos os muros das decadentes entidades da Cidade Ensimesmada, os escaparates dos comercios pechados ou as paredes das cafeterías seudoculturais da Supermazá. O segundo dos apuntes, unha felicitación aos promotores desta acción reivindicativa fronte aos seus opositores, os apóstolos da tradición mal entendida e a certos gardiáns de pacotilla do que eles consideran esencias galegas.
      jjburgoa@hotmail.com

 

A Parrocheira e as Meninas, tradición ou modernidade?

Te puede interesar