Non é doado de crer que Arabia Saudita tomase a decisión de executar o xeque Nimr Baquir Al-Nimr, clérigo moi destacado da minoría relixiosa xiíta dese país, sen o consentimento, aínda que fose forzado, de Washington (calcúlase que en Arabia é xiíta un 13% da poboación, radicada especialmente no Golfo Pérsico e na fronteira co Iemen). Só así se entende que nesta lea arroupen a Riad estados como Xordania, Catar e os Emiratos Árabes, tan dependentes dos Estados Unidos. Trátase dunha provocación directa a Teherán, que sen dúbida enche de satisfacción o Goberno de Israel, xa que leva anos torpedeando o acordo sobre a utilización do nuclear con fins pacíficos, e buscando cobertura internacional para atacar o estado iraniano.
Os analistas din que detrás está a loita pola hexemonía na zona e polos ingresos petroleiros, que no caso de Arabia serían afectados polo aumento da produción iraniana. Ten certa lóxica, porque Riad está diante dunha situación complicada, xa que tanto en Siria, como Iraq e Iemen, as forzas opositoras polas que apostou non acadaron os resultados esperados (por exemplo a derrota de Assad), ou teñen o seu propio xogo.
Este sería o caso do Daesh (EI) e da Fronte Al-Nusra, que confrontan entre elas pola hexemonía, especialmente en Siria, e que reciben apoio directo ou indirecto de Turquía, Catar, Arabia Saudita...
Tanto o Goberno da Siria como deputados iraquís denuncian que a coalición occidental tamén dota de medios (por detrás) o terrorismo xihadista, cando este perde territorio, para que volva reconquistalo axiña, apostando polos dous bandos para enquistar a guerra. Esta hipótese ten certa lóxica, se consideramos que os bombardeos das maiores potencias do mundo non conseguiron dobregar o EI e a Fronte Al-Nusra. Non é algo críbel.
A provocación de Arabia Saudita semella seguir o mesmo argumento que o ataque ao avión ruso por parte de Turquía. Todo fai pensar en que se aposta pola tensión militar (tamén no mar de China), a presión financeira, e a guerra mediática e económica. En resumo, lévase a situación ao estremo, para impedir un mundo multipolar. Ate onde se xogará co futuro da humanidade?