Eloxio do inútil

Desde que nacemos, os nosos sentidos son capaces de captar infinidade de elementos tanxíbeis que, aínda os vendo cotidianamente, aínda os podendo tocar, permanencen á nosa vista coma se non os advertísemos. Existen pese a non repararmos neles, semellando cobrar sentido así que os pensamos, desde o momento en que razoamos sobre eles e tentamos achar o porqué da súa existencia. Para tales efectos, a idade dos porqués do meniño é paradigmático. A necesidade do ser humano por querer saber, da curiosidade por descubrir novas cousas, é o que fai que realmente existamos, que nos movamos e progresemos, e que cobre maior sentido a nosa existencia, así como a de sermos conscientes de que superamos en rango ao resto dos animais, nesa sorte racionalista do “penso, logo son” con que Descartes fundamentou a súa célebre formulación filosófica. 
Pensemos nunha desas cousas tanxíbeis que nos acostuman a pasar desapercibidas: nas chamadas “bases medidas” ou “millas medidas” que podemos achar en San Xurxo (pintada de branco) ou en Miño (a raias horizontais, brancas e vermellas), esas columnas altas colocadas mirando ao mar e que para tantos han de pasar inadvertidas. Foi moito tempo despois da idade dos porqués cando por fin viñeramos a saber acerca do seu sentido real, e que antes asociabamos con posturas para as embarcacións de pesca tomaren referencias para determinado tipo de capturas. Na verdade, a “base medida” é unha “zona marítima de 1 milla de distancia, delimitada entre dúas enfilacións, que serve para efectuar probas de velocidade dos buques”. Ademais de para determinar a velocidade, sabemos que serve tamén para determinar a distancia percorrida entre dous puntos; hoxe en desuso, xulgamos, ao existiren outros métodos máis modernos para tal medición. 
Non obstante, non só de cousas tanxíbeis existe o home. Exemplo disto estivémolo a ver nestes intensos días en que se xogaba a infinita Champion’s League da creación de goberno, do ser ou non ser, da inexistencia ou existencia in absentia en que se convertera o goberno en funcións desde as dúas eleccións fallidas, e sen que nada impedise que o mundo continuase a xirar. A utilidade do goberno, a punto agora de estar operativo, e aprobado previo a unha sesión de investidura anterior surrealista e inútil do punto de vista pragmático, fica así talvez en entredito, sendo un mao exemplo en que se pode mesmo chegar a cuestionar o propio funcionamento do país. Que razón de ser pode gardar o feito de votar non nunha primeira sesión de investidura para pasar a absterse nunha segunda (corenta e oito horas despois) para así poder permitir por fin que se conforme un goberno? Salvo por se tratar dunha representación teatral, outra razón non se nos ocorre; aínda que truncada, xa que serviu para ver escenificada a inmolación do grupo parlamentario que escolleu tal actuación. Así pois, só os que escenificaron esta peza bufa serán os que saiban ver como virtuoso o que outros vexan como inútil, dado que para realizar esa viaxe nin falta facían as alforxas. 
A vida cotiá é capaz de nos ofrecer todo tipo de exemplos semellantes. Véxase, poñamos por caso, no xuízo que se lle fai a determinadas disciplinas escolares, pénsese na Filosofía, por exemplo. Xa se ten conseguido un estado de opinión proclive a cuestionala, de facermos caso a certo tipo de comentarios cotiáns, seguro que moi pouco meditados e até bastante superficiais, que conducen a pensar a moitos na pouca utilidade (mesmo inutilidade) de tal materia. Tanto é así, que case está desaparecida na Lomce. Porén, contrariamente, permítese modificar o currículo para aceptar optativas de libre configuración, con visos de gañaren carta de natureza (vallan como exemplos Xadrez, Cociña ou Educación Vial), en detrimento horario doutras materias realmente serias e rigorosas. Onde está, pois, o verdadeiramente útil e onde o inútil destas mudanzas? 
A crise enerxética dos setenta obrigou á solución de ter que trocar o horario por razóns de aforro por dúas veces ao ano. Hoxe, de certo, non parece ser tanto como se pinta, pero continúase a facer. Nin digamos xa do noso fuso horario, desvirtuado e seguindo o estabelecido por Berlín en plena era nazi. Son (in)tanxíbeis que podemos valorar, mais fican lonxe do noso alcance, ao lado doutros máis próximos como a remodelación da nosa Praza de Armas, sobre cuxos proxectos o cidadán opinará, podéndoo expresar votando vía internet, aínda sen ser vinculante. Haberá, en definitiva, quen xulgue existiren no mundo demasiadas cousas pouco prácticas. Pénsese, porén, cal cultura estará máis próxima do diálogo e cal non. A perda da nosa intimidade, a nudez a que nos prestamos ao revelar os nosos datos a diario son o antecedente do que xa se está a xestar: a inutilidade de moitos individuos para a vida laboral ao poder ser suplantados por unha intelixencia artificial ou ser robotizado. Eloxiemos, pois, o inútil e fagamos del virtude, antes de ser tarde de máis para nos lamentar logo da súa perda.
 

Eloxio do inútil

Te puede interesar