Praza de Armas... que vai ser de tí?

Ao longo da historia as prazas urbanas foron un lugar de encontro para os cidadáns, sen distinción de procedencia, posición social ou ideoloxía, constituíndo, como espazos abertos e públicos, a esencia da urbe. Viaxando no tempo, desde o ágora grega e o foro romano, de pleno dominio peonil, pasamos pola praza medieval como lugar de feiras e mercados e chegamos á praza renacentista, ampla e adobiada de fontes e estatuas.
No período barroco crecen as cidades e consolídase a praza principal, chámese Maior, Real ou da Vila, normalmente con soportais, tendo lugar nela os acontecementos públicos relevantes, desde as procesións ata as execucións (a vida e a morte sempre xuntas). Nas épocas da Ilustración e da Revolución Industrial os concellos crean novos espazos de lecer, aparecendo os parques públicos, que no século XX se converten en lugares de ocio, por mor da instalación de palcos de música e quioscos.
En Ferrol a Ilustración creou dúas prazas no racional barrio da Madalena, as de Armas e Amboage, inxeridas dentro da cuadrícula como centros bipolares do espazo urbano, complementadas coas prazas que outrora os urbanistas chamaron modelos en turbina, nacidas como sitios de paso e nexo de unión entre o centro histórico da Madalena e os barrios periféricos de Ferrol Vello e Esteiro.
Estamos a falar das prazas do Callao, das Angustias e de Capitanía, lugares que hoxe perderon parte do seu encanto.
No que atinxe á Porta Nova, máis tarde praza de España, xa falamos abondo dos experimentos e ocorrencias que alí levaron a cabo ata catro corporacións municipais, gastando unha morea de diñeiro público e escangallando o que fora amplo lugar de entrada á cidade. Pola súa parte, a Praza Vella leva anos desleixada tras unha reforma pouco axeitada. As praciñas de Sánchez Aguilera e San Roque nunca tiveron unha merecente atención mentres que a de Canido quedou deturpada trala colocación dunha morea de bolardos. Cumpre unha referencia á praza da Sala de Armas do Arsenal, que lembra a lisboeta praza do Comercio, un fermoso espazo aberto ao mar, despexado e de amplas perspectivas, pero hoxe de acceso restrinxido
Mentres a praza de Amboage é a única praza que no seu conxunto aínda conserva certas esencias doutros tempos, anque neste intre atópase totalmente atafegada polas terrazas, desta volta tocoulle a quenda das reformas á praza de Armas. Semella necesario deseñar unha praza máis acolledora para os cidadáns e de accesos máis pertinentes. Xa que non procede derrubar o fachendoso e feo edificio do Concello, queda no ár o dilema de suprimir o aparcamento subterráneo, feito que ten certa oposición dalgunhas asociacións veciñais e sociais da cidade.
No que semella haber certa unanimidade é na preocupación de moitos veciños de Ferrol, sexan peóns ou condutores, referente á nova ordenación do tráfico que se pretende levar a cabo por mor das obras na praza de Armas.
Coñecendo o bule-bule da concelleira de Urbanismo no tema peonil, sen tomar outras medidas que encher as rúas de terrazas e meceteiros, moita xente teme que teña lugar un novo erro, cortando ao tráfico rodado as rúas da Terra e Rubalcava que bordean a praza. Coido que a concelleira de Urbanismo, ademais de escoitar aos cidadáns, debería evitar nas súas comparecencias públicas a compaña de certo colega que fai xuízos de valor pouco elegantes cara a respectables colectivos que teñen moito que dicir nos problemas urbanos.
Opinión dun F.T.V. Tódolos hipócritas e puritanos protestantes que rexeitaron o último (espero que non sexa o derradeiro) artigo do columnista José Luis Patiño neste Diario de Ferrol, estiveron caladiños e non protestaron cando os membros da miserenta Real Academia Galega, co seu incoherente presidente Alonso Montero ao fronte, deixaron unha vez máis sen o seu merecente galardón do Día das Letras Galegas ao profesor e escritor ferrolán Ricardo Carballo Calero.
jjburgoa@hotmail.com

Praza de Armas... que vai ser de tí?

Te puede interesar