BARBARIE

Vai para sete anos que tiven a oportunidade de visitar Siria, nunha viaxe de estudos organizada polo Departamento de Historia I da Universidade de Santiago. Fiquei impresionado pola enorme riqueza do patrimonio histórico, mellor ou peor conservado, alí atesourada. A saber canto non se terá destruído desde aquela a hoxe, despois de xa anos de guerra –disque civil– instigada polo chamado mundo civilizado e desenvolvido co obxectivo de botar abaixo o réxime de Bashar al Assad, simplemente porque non se prega ós intereses económicos do grande capital. Antes foron Afganistá, Irak, Libia... e mañá xa se verá.
Hai catorce anos asistíamos pouco menos que atónitos á destrución en Afganistán, a mans de xentes da milicia talibán, dos denominados budas de Bamiyán.
Hai poucos días contemplamos, igual de estupefactos e espantados, imaxes da destrución dun lote de milenarias (séculos VIII e VII a.C.) obras escultóricas asirias en Irak, concretamente no Museo da Civilización de Mosul, a mans de elementos do chamado Estado Islámico. Segundo manifestaron, non fixeron máis que seguir os pasos de Mahoma, o seu profeta fundador do Islam, que cando conquistou a Meca destruiu os ídolos da Kaaba, o centro de culto dos árabes politeístas anteriores ó Islam.
O que parece, o valor do destruído –agás algunha que outra peza de incalculable valor– non foi o que puido ser se, en troques das esculturas de xiz que foron escachizadas, que eran copias, estivesen no museo as orixinais, que no seu día se trasladaran ó Museo Nacional de Bagdad para facilitar a restauración do de Mosul. Desde a invasión ianqui do Irak –apoiada con desmesurada alegría polo goberno do PP, presidido polo señor Aznar– este importante centro cultural xa sofre diferentes agresións. No propio 2003 foron roubadas numerosas pezas e non hai moito, no mes de xuño pasado, cando a cidade foi invadida polo Estado Islámico desapareceron importantes xoias artísticas, algunhas, segundo se ten dito, sacadas do país para vendelas e conseguir fondos para o financiamento desa sinistra organización.
Naturalmente que son máis aterradoras, lamentables, despreciables e preocupantes as imaxes que estas xentes difunden dos asasinato, dos degolamentos, dalgúns dos seus reféns estranxeiros, mais o mundo civilizado real non pode nin debe ficar impasible perante estes brutais atentados contra o patrimonio cultural da humanidade, contra calquera vestixio da nosa historia común como seres humanos.
Mais non só os islamistas utraortodoxos cometeron auténticos crimes de destrución patrimonial. Un leve repaso pola historia, mesmo a moi próxima a nós, tanto temporal como espacialmente, vainos poñer diante dos ollos numerosísimos acontecementos deste tipo. Algúns por razóns relixiosas, outros por motivos políticos, outros máis pola mestura de ambos e tantos outros por calquera causa carente de motivación e de desculpa. A título de exemplo de barbarie cultural, lembremos a relativamente recente narración do grande Manolo Rivas Os libros arden mal. Lectura recomendable para quen aínda non a teña realizado. Que lles preste.

BARBARIE

Te puede interesar