Madrid, Madrid

Nestes días anda en festas e outros actos a Comunidade de Madrid para conmemorar o histórico levantamento do pobo madrileño contra os franceses acontecido o 2 de maio de 1808. Aínda que desde maio de 1908 na Puerta del Sol, na fachada principal do que foi Real Casa de Correos, que logo, no franquismo, albergou a temible Dirección General de Seguridad, e hoxe é sede da presidencia da Comunidad de Madrid,  hai unha placa conmemorativa dos actos de había cen anos “Héroes 2 de mayo 1808” e que ten como texto “A los héroes populares que el 2 de Mayo de 1808 riñeron en este mismo lugar el primer combate con las tropas de Napoleón, el Círculo de Bellas Artes 1908,  lembro que cando era neno pouco se incidía no feito popular. Os herois eran individuais –como o era o propio Franco, que parecía que el só gañara unha guerra e todo o que houbese que gañar–, e concretamente nesta historia real a heroicidade encarnábana dous militares, os capitáns de artillería Pedro Velarde e Luis Daoiz que deron as súas vidas no intento de apoderarse do cuartel de Monteleón sumándose ó movemento popular. O suceso recreouno Joaquín Sorolla nun interesante cadro. Estes dous héroes militares, estes dous capitáns, son os que figuran no monumento da praza do Dos de Mayo, mais nos meus recordos de cando na nenez souben deste episodio aparece un terceiro personaxe o tenente Ruíz. Se cadra, o feito de que non morrese nesta loita fixo que acabase por ter un protagonismo máis secundario na historia. Naqueles libros de lectura escolar das Cien figuras Españolas, de Antonio J. Onieva, se a memoria non me falla, que penso que non, non había alusións á participación popular. Desa sabería, anos despois, contemplando, por exemplo, as magníficas obras de Goya  El dos de mayo o La carga de los mamelucos  ou, sobre todo, o xenial Los fusilamientos en la montaña del Príncipe Pío o Los fusilamientos del 3 de mayo. Sabido é que o levantamento popular matritense fracasou, mais parece claro que se converteu nun xeito de detonante do inicio da chamada Guerra da Independencia. O ensino daquela época non nos deu información ningunha de xentes populares como a mociña costureira Manuela Malasaña, que anos andados daría nome ó barrio de seu nome, morta a mans dos franceses.
E matinando nestas cousas do levantamento, das festas populares –non das que honran a personaxes tan nefastos como Rouco Varela– conmemorativas, de Manuela Malasaña e o barrio do seu nome... veume á memoria que á súa casa de Malasaña, foi a onde se dirixiu Esperanza Aguirre fuxindo dos axentes municipais despois do incidente que provocou na Gran Vía hai máis ou menos un mes. Só transcorreron unhas poucas semanas e xa non se fala do que foi un feito grave que de terlle acontecido á inmensísima maioría dos habitantes deste territorio chamado España outra persoa non tería tido a solución –cando menos momentánea (é de supor que a definitiva será máis do mesmo)– que se lle deu. Fuxir do lugar dos feitos, infravalorar e chamarlles de todo ós axentes da autoridade, considerarse, por riba, perseguida... non é asunto menor. Que vai pasar se mañá fai o mesmo calquera outro cidadán ou cidadá? Vai haber tanta disculpa e benevolencia? O que se pretende é botar terra sobre o caso, silencialo o máis posible. Por non falar xa nin se fala do videoxogo gratuíto para móbiles, o G.T.A.guirre, creado por Francisco Durán, aínda que sobre el haxa opinións para tódolos gustos.
O que está claro, por moito que insistan as nosas máximas autoridades, é que a lei non é igual para todos. E, por certo, alguén sabería explicarme e xustificarme a razón de que haxa dous gardas civís custodiando a casa da presidenta do PP madrileño? Quen os paga? Para isto non hai axustes, recortes...?

 

Madrid, Madrid

Te puede interesar