CERRALBO

Un dos museos máis fermosos de Madrid, co seu aquel decadente, é o Cerralbo. A un pasiño da plaza de España, cáseque mirando ao templo de Debod, esa loucura exipcia transplantada a Madrid cando as obras de Assuán. E no Cerralbo, a outra noite, recitaba Yolanda Castaño. Ex cativa prodixio da poesía galega, realidade certa hoxe en tempos decididamente incertos para todo o que non sexa voracidade mercantil e eses monstros arrepiantes que nos queren papar (¡non nos deixemos!).

Yolanda leva na falchoca un acompañamento de vídeos e grabacións que axudan transmitir a súa mensaxe. Por máis que a moza recita ben e por iso que, cadrando co meu amigo Manolo Pereira, con quen fun ao recital, abondaríalle coa súa voz propia, sen máis parafernalias. Con Yolanda recitaba a poeta malagueña María Eloy-García, outro concepto, outro xeito, que se resolve en maneiras de monólogo, paveras e tal, cun aquel ao “Club de la Comedia”, non sei.

Subo por Ventura Rodríguez, despois do recital, e desemboco en Princesa, bulideira no trafego morno deste inverno extraño. Abórdame un nachiño para darme a propaganda do Club Moustache’s, de Juan Álvarez Mendizábal. O logotipo, un bombín que abeira un careto no que as meixelas son tetas e os ollos mamilas. Debaixo o consabido mostacho. O lema: “Disfrute tomando una copa servida por las más bellas señoritas”. Sigo camiño de Moncloa, pensando que Moustache’s pode agardar. Esta noite e todas.

CERRALBO

Te puede interesar