Os “povos promíscuos” ou dos caprichos do destino

Conveño con que o adxectivo “promiscuos” talvez non soe nada ben, polo menos dito así de primeiras, cando a inmediata asociación de significado é o de se referir a aquela persoa que mantén relacións sexuais con varias parellas. Con todo, existen tamén outras acepcións que remiten á idea de ‘mesturados’, mesmo ‘reunidos en confusión e desorde’. Que algo disto último foi o que acabou por acontecer coas xentes destas aldeas raianas coa provincia de Ourense, hoxe pertencentes a Trás os Montes, no veciño Portugal, e que gardaron e gardan unha moi peculiar forma de vida que seguidamente pasaremos a referirlles. 
Soutelinho da Raia, Cambedo e Lama de Arcos son as tres poboacións, aldeas ‘stricto sensu’, que fan parte dos “povos promíscuos”. Falamos de poboacións que gozaron de importantes privilexios ao longo da historia, perdidos a partir do Tratado de Lisboa de 1864. Situación semellante de que se beneficiaban no chamado Couto Mixto, hoxe provincia de Ourense, formado polas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus. E é que o Couto Mixto non deixaba de ser unha sorte de microestado, un arremedo, poñamos por caso, dunha Andorra ou dun San Marino actuais. Os estudiosos parecen indicar a súa orixe no séc. XII, entre 1143-1147, coincidindo co proceso de independencia do reino de Portugal do de León, cuxa división fronteiriza non estaba nada clara. Non en van estamos a falar do territorio que é coñecido popularmente como raia seca, sen accidentes xeográficos evidentes (ríos, montes, etc.) que puidesen servir para marcar límites entre unha e outra parte. 
Nas aldeas de Soutelinho da Raia, Cambedo e Lama de Arcos existía unha especie de goberno autónomo, ao se elixir entre as tres un xuíz ou alcalde con funcións gobernativas, administrativas e xudiciais. No Couto Mixto —uns 27 km2—, os seus habitantes tiñan liberdade para escoller cal era a súa nacionalidade así que casaban. No caso de escolleren a portuguesa, puñan un “P”, se a española, un “G” (de Galiza), na porta da casa, após teren brindado cun vaso de viño for pola honra do rei portugués, for pola do rei español. Non tiñan obriga de utilizar documentos de identidade, xa que a efectos xurídicos a nacionalidade carecía de validez, por seren considerados “mixtos”. Mais todo comezou a mudar a partir do séc. XIX e, de xeito definitivo, co “Tratado de Limites de 1867”. Consecuentemente, os dereitos e privilexios, como o de asilo de foraxidos, a non contribución para os exércitos en tempos de guerra, a exención de impostos, a liberdade de comercio, a libre licenza para portar armas, así como a liberdade para calquera tipo de cultivo, como o do tabaco, o cal estaba suxeito a estanco, quer en España, quer en Portugal, deixarán de existir desde ese momento. 
As ditas tres pobacións que ficaron para Portugal son hoxe diferentes freguesías do concello de Chaves, e as tres galegas divídense entre os concellos de Calvos de Randín e o de Baltar. Mais, sexa como for, o termo “promiscuo” posúe unha connotación bastante negativa en calquera lingua ibérica, e nin fica claro cando se comezou a usar o termo, pois antigamente xa se falaba de pobos “mixtos”. O vocábulo malsoante si é utilizado no citado Tratado e provén do exterior, de maneira que os negociadores de Lisboa vían neles uns aldeáns pouco civilizados, moradores no confín de Portugal, entrementres para os de Madrid era apenas falar máis que da existencia de tres lugares miserábeis. Así pois, e unha vez foi aprobado o tal Tratado, acabaron finalmente con esta situación anómala, a cal xulgaban como un atentado contra os bos costumes. 
En todos estes lugares, porén, o contrabando acabou por ser unha realidade após a repartición destes territorios entre os dous estados. Tamén a acollida de guerrilleiros republicanos, ficando aínda na memoria os sucesos da chamada Batalla de Cambedo (1946), após o enfrontamento entre maquis, a Garda Civil e a GNR, alén da garda fiscal, membros do exército e da PIDE que rodearan a aldea, resultando disto dous guerrilleiros e dous gardas republicanos mortos, ademais de sesenta e tres presos. Ou outro enfrontamento ben diferente, de ficción agora, como o creado por Riveiro Coello en “A quinta de Saler”, cun editor moi peculiar, e a figura do liberal de Saler, en que o Couto Mixto acaba por cobrar dimensión novelística. 
En conclusión, un mundo apaixonante e ben descoñecido que paga a pena descubrir. Unha viaxe arraiana que soubo despertar en nós a curiosidade pola súa singularidade. Xa que do 13 ao 15 de maio tivemos ocasión de realizar unha fermosa rota, organizada pola EOI de Ferrol, que nos levou a Montalegre, en plena Serra do Larouco para alí gozar dunha estraña e divertida noite das bruxas. Tamén nos permitiu percorrer a bonita cidade de Chaves, facer unha andaina seguindo o curso do río Támega, visitar a poboación balnear de Vidago e divertirnos en Pena Aventura. En suma, unha viaxe mesmo aquí ao lado que soubo envolvernos coa súa estraña maxia.
 

Os “povos promíscuos” ou dos caprichos do destino

Te puede interesar