As miles de festas galegas

Parodiando un lugar común á hora de referirse ao país dos mil ríos que conforman a conca hidrográfica do territorio galego; tamén podemos falar do país das mil festas que na realidade da celebración é dez veces iso; e dicir, aquí contabilizamos preto a dez mil ocasións festivas cada ano. Festas populares que constitúen un símbolo de peso importante na vida social. Cada concello, cidade, parroquia ou lugar que conte con certa dimensión de veciñanza non deixa ocasión de conmemorar, celebrando, a onomástica dun santo católico, un acontecemento histórico ou a exaltación de produto gastronómico ou do maridaxe de máis dun que, visto que a suma multiplica resultado, remata por ser un poderoso motivo de atracción de xente foránea á localidade. Porén, este instrumento cultural lícito e necesario ten unha faciana que pide reflexión.
Velaí, gasto de centos de millóns de euros, excluíndo nesta cifra o relativo a outras propostas de espectáculos nos que ficarían tamén os chamados festivais musicais que cada vez teñen unha proposta máis numerosa e variada, é o volume de negocio que podemos aceptar como elemento de dinamización económica e de emprego. Sen entrar no xuízo de valor a respecto da problemática que se evidencia da normativa que agora se estrea en relación coa plena entrada en vigor da  “Lei  10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia”; e moito menos sobre o efecto fiscal que produciu a denuncia penal da Axencia Tributaria en relación a unha das máis poderosas empresas de xestión do negocio das orquestras qué é a parte máis elevada do conxunto do investimento. Para alén de todo iso, a cerne da cuestión está relacionada coa falta de singularidade, nula contribución cultural á personalidade do país e desleixo a respecto das necesidades lingüísticas que potencien o idioma propio derivada da modalidade de optar por un xeito de festa alleo á nosa tradición, tirado dunha fórmula importada.
Certamente non todas son así, é notorio que moitas delas saben dotarse de marca; e, deste xeito, cobran merecida sona. Mais, na outra gran parte fica unha oportunidade perdida de dar cumprimento ás medidas que acordara, por unanimidade, a cámara parlamentaria autonómica fai tres quinquenios no “Plan xeral de normalización da lingua galega”, co obxectivo de promover a produción cultural no esencial que nos distingue como galegos, motivando a todo o circuíto de axentes que participan na dinámica da celebración a sumarse a esta causa; facendo ademais fincapé na vinculación das axudas públicas coa implicación efectiva do cumprimento deste fin. 
É unha necesidade que continúa viva, pola que no seu día se impulsou unha campaña que debemos recuperar á procura de “Mil festas máis para a cultura galega”.

As miles de festas galegas

Te puede interesar