REIXA

Socio da SGAE, socio administrado en cuestións musicais, inscrito na categoría de “silbadores”, ao non ser músico “de partitura”, mais asociado tamén en choios literarios, saúdo con certa alegría a chegada de Antón Reixa ao Palacio Longoria, na madrileña calle de Fernando VI. Para os madrileños castizos, pouco familiarizados cos números romanos, “Fernando Vi”, do verbo ver.

Digo que con certa alegría porque a estas alturas da película son un pouco escéptico para case todo, tamén con esa SGAE, xeradora de moitísimo diñeiro, do que teñen feito regular expolio os seus últimos moradores. Así e todo agardo que Reixa poña as cousas no seu sitio e cesen os latrocinios nunha sociedade non de lucro senón, como o nome indica, prevista para que os autores reciban o que lles corresponde dos dereitos devengados polas súas obras. Cousa difícil nestes tempos internéticos onde o persoal decidiu pola cara que a cultura é a de válvula, clocló ou barakalofi.

Ao que contribuen empresarios inmoráis, dispostos a convencer aos autores do simpático que é traballar de bóbilis. Reixa, vello amigo de boureos artísticos e literarios, con quen teño compartido congresos, mesas e avión, é un tipo intelixente e enérxico, un “ghicho” equilibrado, un armario ou furacán que fará ben as cousas. Ou iso agardo, cun certo escepticismo do que ve moito caralavada nos tempos que vivimos. Adiante, Antón, confiamos en ti. Non nos defraudes.

 

REIXA

Te puede interesar