Malos fumes

Con frecuencia asocio cousas do día a día con algún pequeno detalle -un lote deles- que nalgún momento me chamaran a atención, que recordo ben por resultarme incomprensiblemente rechamantes, daquela e hoxe. Antonte mesmo, mentres lía noticias sobre o Día Mundial sen Tabaco, veume á cabeza un recordo bilbaíno de hai case trinta anos. Contra o final de 1988, nos primeiros días de decembro, se a memoria non me falla, fun a Bilbao, formando parte da delegación da Asociación de Escritores en Lingua Galega, para participar no 5º encontro Galeusca, de escritores galegos, vascos e cataláns. Despois da recepción oficial e dunha cea de irmandade, unha boa parte dos participantes dirixímonos ao casco vello para conversar meténdolle unhas copas. O de consumir non foi moi complicado, malia ser venres. Pero o de conversar fíxose practicamente imposible. O volume da música era impresionante. Nunca tal vira na miña vida. Preguntei os motivos daquel, para min, sen sentido e explicáronme que se debía a unha estratexia consumista. Se non podías facer outra cousa que beber e “escoitar” a música a tantos decibelios o habitual era que abandonases axiña o local e deixases sitio para outros e así sucesivamente. Hai estratexias para todo. Antonte, pois, asociei este feito co de fumar nos espazos públicos. Como sabemos, este pasado 31 de maio, celebrouse o Día Mundial sen Tabaco, promovido pola Organización Mundial da Saúde para chamar a atención sobre os perigos derivados do seu consumo e da inhalación do seu fume nas persoas próximas, as chamadas fumadoras pasivas. Este ano ten como lema “O Tabaco Destrúe Corazóns. Escolla Saúde, Diga Non Ao Tabaco”. Está cientificamente comprobado que a exposición ao tabaco é un factor de risco moi importante para o desenvolvemento da enfermidade coronaria, da vascular periférica, e de accidentes cerebro-cardiovasculares. Afortunadamente, xa hai anos que entre nós está prohibido fumar en espazos públicos pechados ou semipechados. Agora cumpriría ampliar os espazos a aqueles que non sexan completamente abertos, digamos as terrazas protexidas con lonas, cando menos laterais. Haberá quen argumente que iso pode supor perdas para as cafeterías. Non o creo, porque acontecerá o mesmo que nos bares de copas de Bilbao citados. Coa incomodidade os fumadores pararán menos e deixarán espazo para outros consumidores. E todo con ar máis limpo.

Malos fumes

Te puede interesar