O museo da cidade unha misión imposible

restora no campo do Cultura, Ocio e Turismo as cidades modernas e emerxentes potencian as súas sinais de identidade que as diferencian doutras do seu contorno e dan a coñecer o seu Patrimonio Histórico e Cultural, conxugando de xeito intelixente tradición e modernidade. A proposta elaborada fai máis de tres anos por Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa sobre a creación dun Museo da Cidade de Ferrol, foi merecente do decidido apoio das dezaseis principais entidades e asociacións culturais da cidade, dentro da súa diferente orientación política e social. 
Presentada a proposta por Rexistro Municipal ao entón alcalde Jorge Suárez, concelleiros de Cultura e Patrimonio, Jesús Basterrechea e Rosa Méndez, e aos cinco representantes do resto dos partidos da corporación municipal, non contestou ningún dos oito destinatarios. Semella claro que a carencia de educación e a ineptitude cultural é unha sinal de identidade común a tódolos partidos políticos.
Ferrol ten numerosas potencialidades no campo da Cultura, Patrimonio e Turismo, que debe dar a coñecer e poñer en valor aos propios e aos visitantes: a Ilustración, a Construción Naval, o Patrimonio Industrial e Comercial, o Modernismo, a fachada marítima, os castelos e defensas da ría, o Patrimonio Natural da propia ría e das costas atlánticas, a cultura do traballo, a memoria obreira e da emigración, ademais das sinais características propias da urbe que van desde as Rondallas ata a Semana Santa.
Ferrol necesita de xeito urxente contar con algún edificio emblemático do patrimonio público para albergar o Museo da Cidade que poida dar a coñecer tódolo anteriormente exposto, incluíndo un Centro de Estudios de Ferrol, que leve a cabo o labor de recuperación da nosa memoria histórica, cunha función de supervisión e control da documentación e as publicacións relativas á cidade. Outra das función dese Centro de Estudios debería ser a de poñer en marcha esa Revista de Estudios Locais, da que carece Ferrol e da que dispoñen desde fai tempo localidades próximas e de menor entidade como Neda, Pontedeume, Betanzos e Mondoñedo.
Cumpre citar que Ferrol dispón de dous museos relativos a súa relación cos espazos marítimos: o Museo Naval e o Museo da Construción Naval, xestionados ata de agsora de forma desigual. Tamén o Museo de Historia Natural, cunha longa presenza en Ferrol, falto da debida promoción, pode ter un grande interese para o visitante. A nova creación dese discutible, polo contido e polo emprazamento, museo da Semana Santa engade unha nova opción nesta lista de espazos museables. 
Algún día haberá que falar da abundosa presenza da obra pictórica existente en Ferrol.  Ademais das moitas obras gardadas, as veces de calquera das maneiras, en dependencias municipais, disponse de numerosos cadros espallados en outras dependencias e entidades culturais da cidade, moitas veces de xeito non visible.
Tanto as obras propiedade do Concello como as que puideran e deberan ceder as devanditas entidades para a súa exposición pública, poderían integrar un Museo de Pintura. Mentres non se decida a constitución dese amplo e necesario Museo da Cidade no lugar axeitado, o Concello podería adecuar, por exemplo, a parte sur (cara á praza de Amboage) do edificio do antigo Hospicio, hoxe practicamente inutilizado, para este mester.  

Noutro momento habería que lembrar o relevante papel que neste contexto deberían xogar as adormecidas Asociacións Culturais da cidade como interlocutoras sociais do Concello. Tamén sexa quizais o momento que a Universidade comece a xogar ese papel no eido cultural da cidade que neste intre non ten e que lle está a esixir a sociedade. Mesmo poderíase falar dese necesario Congreso do Patrimonio Cultural de Ferrol, continuación do primeiro e único celebrado o ano 1999.  
 

O museo da cidade unha misión imposible

Te puede interesar