O "basta xa", insoportable

Cando pensaba que agotara a miña capacidade de asombro, chega a noticia de que Navantia nomea a José Antonio Oliva xefe de persoal nos estaleiros da ría de Cádiz. Nada menos. Analizar por que se chegou a esta situación, require percorrer os pasos dados na negociación do último convenio. Incluso analizar o comportamento dos comités, cando a empresa reduciu o incremento salarial dos prexubilados no ano 2008, aínda sen cobrar. Pois ben, despois de moito tempo de prórroga do anterior convenio, e cando só faltaban meses para concluír aquel, a empresa tivo moita présa para que se negociase un novo.
No mes de xullo de 2013 asinouse un preacordo por parte da comisión negociadora. Inmediatamente, no que toca a CCOO, a federación decidiu apoiar a firma definitiva dese “convenio”. Pouco importaba se con elo se liquidaban conquistas históricas; importaba saír da situación para logo negociar outro e o plan de empresa. Con ese obxectivo se desplazou por todas as factorías, conminando ás seccións sindicais, para que asinasen mesmo sen consultar aos traballadores. Tiñan presa, tiñan moita présa por contentar a Navantia. Incluso, na factoría de Puerto Real, o comité  invitou ao xefe de persoal para que na asemblea convencera aos traballadores. E logrouno.
En plena negociación do convenio, alá polo mes de xullo, un antiguo dirixente da empresa preguntoume: “¿... de donde sacou Comisións Obreiras a este personaxe?”, referíase a Oliva. Non tiven resposta. Agora, si a teño. Este individuo era presidente do comité intercentros de Navantia, nomeado por CCOO. E esa designación modificou a tradicional elección dun representante de Ferrol, dada a maioría da plantilla nesta comarca. E agora, cando a Audiencia Nacional anula o “convenio asinado”, aparece a decisión empresarial de nomear a Oliva xefe de Recursos Humanos. Este personaxe manipulou todo o proceso. Postulouse para o intercentros, dirixiu a negociación do convenio e tamén o pretendido plan de empresa. Intimidou aos traballadores para que aceptasen o preacordo, incluso acudiu á chamada da empresa en contra da opinión do sindicato, arrastrando a outros representantes para firmar, e logo deixou a todos plantados, salvo a Navantia. Todo unha burda maniobra.
Claro que, quen a fixeron fracasar foron as asembleas de Bazán e Astano. Non contaban cos cadros de persoal, coa súa experiencia. Pensaron que “todo o monte era orégano”. Equivocáronse. E iso despois de que os dirixentes das seccións sindicais de Fene e Ferrol manifestaran publicamente a súa aceptación. Foi a recollida de firmas, o debate interno, tamén a acción dos xubilados, que obligaron a consultar e por absoluta maioría os traballadores rexeitaron a firma. Aqueles quedaron desautorizados.     
Dende o punto de vista sindical temos antecedentes de comportamentos semellantes. Recordamos que non hai moito tempo, Xosé Manuel Lado Lestón, secretrario xeral de A Coruña, dun día para outro, pasou a ser xefe de persoal de Monbus, por certo que o seu patrono Raúl  López acaba de ser detido na operación condor. ¿Son os dirixentes de CCOO intercambiables coa patronal? ¡Ten moito que ver coa selección dos cadros sindicais e a concepción dos órganos de dirección!
¿Ninguén se decatou da actuación de Oliva? Porque con ser grave descubrir que un dirixente do sindicato estivo traballando para Navantia, o verdadeiramente grave é que os responsables das seccións sindicais de cada factoría e da federación, tragaran aquel enxendro de convenio. Estaban máis atentos ás indicacións do sindicato que á opinión dos traballadores. Todos eles están desautorizados para a función representativa. Se foron incapaces de ver o que era visible a todas luces, en futuras negociacións poden asumir “gato por lebre”.   
E temos a actuación da empresa: compra ao máximo representante sindical que negociou o convenio recompensando os servicios prestados. Non tería sentido, si este tivera defendido os intereses dos traballadores. Polo tanto, ese acto, con nocturnidade e alevosía, convértese nun feito de corrupción política. E con iso Navantia, empresa pública, actúa como o corruptor necesario, que paga con diñeiros públicos. Estamos diante dun feito moi grave, que os sindicatos e ata os partidos políticos deben levar ao Parlamento, para esixir ao Goberno responsabilidades e rexeitar a acción corruptora. Non pode quedar sen consecuencias esa actuación. Ten que ser cesado o corrupto e destituído o corruptor.
Esa dirección que, dende a chegada do PP o goberno, non acadou nin un só contrato, vende fume, sobre todo cando chegan as eleccións, e favorece a perda de potencial industrial. ¡E xa pasaron catro anos! Lonxe de traballar polo futuro da empresa, e mentres despedía a miles de traballadores, favoreceu a privatización de áreas específicas, a entrada de amiguetes, á vez que se esforzou por debilitar a acción sindical, enfrentando ás factorías dende o autoritarismo. Buscou que a tradicional combatividade do naval, se convertera nunha renuncia de dereitos históricos, como exemplo para outros sectores. ¡Precisamente, cando máis falta fai a acción sindical de clase!
Si, hai que aprender desta experiencia. E de forma urxente, recuperar a vixencia do convenio anterior, que é obligado para a empresa dende a sentenza. Na mesma liña, recompoñer a unidade e o acordo entre sindicatos e centros de traballo, relevando a cantos personaxes están involucrados nesta operación. A clave está tamén en que sexan os traballadores os que deben elixir os mellores compañeiros, ou non haberá recuperación posible.
O anuncio de novas mobilizacións parece indicar un novo impulso. A ver se é así. A esa tarefa debe contribuír todo traballador consciente, porque non está so en cuestión Navantia, senón toda a comarca. É hora de saír da contemplación con que se actuou nos últimos tempos. Para defendermos todos, contade tamén comigo.
*Rafael Pillado é
xubilado de Bazán

O "basta xa", insoportable

Te puede interesar