Xubilado e enclaustrado no meu castelo azul de Caranza, a miúdo sinto a necesidade imperiosa de fuxir da rutina e collo o meu Rover 45 para facer un recorrido polos lugares nos que fun tan feliz noutros tempos xa idos. É como unha resposta as miñas lembranzas. Saín de Ferrol as dez da mañá dun día luminoso deste mes de outubro e percorrín o camiño, tantas veces percorrido, cara a Serra da Loba, no cordal de Montouto, límite natural entre as provincias da Coruña e Lugo, a rentes dos setecentos metros de altitude. Despois de atravesar dúas pontes sobre o río Mandeo, ponte Mandeo e ponte Aranga, pasei por dediante da moi milagrosa fonte da Santa Cruz, polo cruceiro da Loba, no curuto do monte, a capela da Ascensión e a ermida de san Vitorio, todas reliquias do pasado en contraste coa gran cantidade de xeradores eólicos, modernos muíños de vento que moen os quilowatts agochados no ar, para beneficio duns poucos, ao prezo, que pagamos todos, homes e fauna, de afear un hábitat outrora tan fermoso.
Unha visita obrigada era ao meu rio Cambás onde tanto teño desfrutado na pescuda daquelas fermosas troitas de mil cores. O outrora vizoso regato está hoxe murcho, abandonado, con pouca auga, lixo, mato espeso en ambas orelas e árbores caídas no seu leito, unha completa desolación. Chernoville en Galiza.
Elixín para xantar, (tortilla de patacas con cebola, bonito Pescamar, queixo Garcia-Vaquero e viño Faustino VII), o encoro do Mandeo na Castellana. O camiño para chegar a el, despois de aparcar o coche, cheo de cogomelos de cores incribles, toxos, felgos e plantacións de eucaliptos, esa especie invasora orixinaria das antípodas. A paisaxe paradisíaca, silencio no ar e na terra, unhas nubes de algodón rompendo a monotonía dun ceo completamente azul e, na superficie das mainas augas, soamente os círculos concéntricos orixinados polas troitas na procura de mantenza. No luscofusco, serenidade, quietude e silencio invitan a remoer e a profundar.
Xa co sol baixo no horizonte emprendo, coa mágoa de sempre o camiño de volta, con sorpresa final para amolar un día case perfecto. Unha avaría no coche, seica no alternador que a piques estivo de deixarme tirado no monte. Agora xa o teño en talleres Cesar na Gándara, eficacia, profesionalidade, prezos axeitados e total confianza. Recoméndovolo.
Como vedes, a punto estiven de pasar a noite durmindo no coche. Dicía un personaxe do gran Cunqueiro: “Sae un da súa casa e volve ou non volve”.