Faltan profesionais?

Hai uns días os medios destacaban que a patronal da construción estaba preocupada pola falta de oferta de man de obra cualificada no sector. Novas semellantes teñen sido publicadas respecto doutras actividades. Ou sexa, aínda que non o afirman con claridade, coidaban necesaria a chegada inmediata de inmigrantes para evitar unha paralización dos sectores afectados, dramatizando co que esta eiva implicaba para o conxunto da economía. 

Lendo a nova chocoume, máxime sabendo que un 12% da poboación activa na Galiza está no paro e que esta era unha actividade fundamental até hai poucos anos na economía galega. Polo que axiña consultei as estatísticas sobre o desemprego e a miña sospeita confirmouse, xa que hai máis de 14 mil persoas rexistradas no paro que traballaron na construción (ou sexa con experiencia). Aos que evidentemente hai que sumar milleiros sen emprego anterior, persoas que buscan un contrato en calquera sector para obter ingresos (que cando menos valerían como peóns). 

En poucas palabras, a patronal deste sector, ou unha parte dela, non consigue empregados/as non porque falten profesionais senón porque as condicións laborais que ofrece son en moitos casos denigrantes. Ofertas laborais que implican salarios máis baixos e/ou horas extras polas que non se cotiza e paga, e que só serán aceptadas por quen está nunha situación de indefensión total. E neste caso están especialmente os inmigrantes. Asemade, os convenios colectivos só se cumpren alí onde as centrais sindicais están consolidadas. Esta é tendencia dominante nunhas relacións laborais degradadas que se alarga a todas as actividades.

Daquela, non é unha casualidade que os inmigrantes sexan un dos colectivos cunha porcentaxe máis alta de pobreza no Estado español, malia toda a verborrea solidaria e ás solucións simplistas. Os estudos din que a pobreza atinxe ao 59,1% das persoas desempregadas; o 40,6% das familias monoparentais; e o 39,2% da inmigración provinte de Europa e o 52,1% da orixinaria do resto do mundo. Os inmigrantes son unha fracción importante da clase traballadora máis explotada e asemade serven para manter alta a taxa de man de obra de reserva, co que isto implica como atranco para obtención de melloras para o conxunto dos asalariados e asalariadas. Polo tanto, como se administra o emprego e a inmigración non é unha cuestión menor. É un tema sobre o que paga a pena matinar e debater, máxime cando se trata de ligar xustiza e solidariedade. Teremos que falar do imperialismo, do capitalismo.

Faltan profesionais?

Te puede interesar