Galego coma ti

Non semella que o candidato do PP á Xunta sexa “un fulano de lágrima fácil” como diría a canción pero ultimamente non deixa de chorar en público a nada que nomea a palabra Galiza. 

Que o PP centre a súa precampaña na identificación co país demostra cando menos dúas cousas. 

A primeira, que moi mala conciencia ten que ter o candidato do PP á Xunta para que despois de ser un instigador da deriva recentralizadora do Estado tanto no económico como no político, teña que reivindicarse agora como valedor do pobo que traizoou como Presidente.

A segunda ten que ver co feito de que os galegos e galegas cada vez somos máis conscientes de que no actual contexto político ou asumimos nós as rendas do noso futuro ou ninguén o fará por nós, e a iso chámaselle nacionalismo en xeral e galeguismo en concreto.

E do mesmo modo que ninguén considera ao PSC como partido catalanista ninguén pode considerar ao PPdG como galeguista. E menos despois de espoliar os nosos recursos malvendo as caixas, de ir contra a nosa lingua mediante o decreto do galego ou de certificar a dependencia madrileña renunciando á reforma do Estatuto durante 10 anos, por moito que o lobo pretenda vestirse, de novo, con pel de cordeiro.

Galego coma ti

Te puede interesar