DEREITOS DE NACIONALIDADE ESPAÑOLA

Nada novo descubriremos se dicimos que o Estado español ou os cidadáns españois gardaron desde antano un arraigado antisemitismo, sen dúbida asentado nunha histórica base, claramente difamatoria, a cal, en certo sentido, mesmo perdura no momento actual, aínda que aderezado doutros elementos engadidos. Non en van, algo máis de cinco séculos nos separan desde o instante en que o edito de expulsión dos xudeus por parte dos Reis Católicos foi promulgado en 1492. Non tan atrás, o filonazismo franquista axudou a avivar esta corrente de repulsión contra a raza de Israel, e até houbo teóricos domésticos que acirraron unha estratexia semellante á calor da ascensión e a admiración que lles despertaba o dogma pseudocientífico en que o nazismo apoiou parte do seu discurso. Así pois, pensemos no caso de Antonio Vallejo Nájera, director dos servizos psiquiátricos do exército franquista, e empeñado en demostrar que o marxismo era unha tara mental, e unha herdanza xenética, á que axudaría esa porcentaxe de sangue xudeu como corruptor da esencia racial española. Sorte que no territorio español xa non vivían xudeus desde había cinco séculos.
Toda esta reflexión vén ao caso dunha noticia de días atrás relativa aos sefardís, xudeus expulsados dos territorios das coroas de Castela e Aragón hai quiñentos anos. Englobado nese sentido de débeda histórica, os ministerios de Xustiza e de Exteriores, en novembro de 2012, anunciaran na Casa de Israel de Madrid unha reforma da lei para facilitar a nacionalidade española a este colectivo. Xa desde anos atrás se lles viña dando facilidades para a súa adquisición, pero co inconveniente de que debían renunciar á súa nacionalidade orixinal. Hoxe, dous anos depois dese anuncio, foi Ruiz-Gallardón, pero en Nova York, onde presentou dita reforma diante do poderoso “lobby” xudeu estadounidense, e coa novidade de que os sefardís xa non deben renunciar á súa nacionalidade orixinal. A comunidade sefardí vive maioritariamente en Israel, Turquía, Venezuela, Arxentina, Colombia ou Marrocos, non nos Estados Unidos. Logo, que é o que se está a vender na capital económica mundial? Porque, e até onde nós sabemos, os xudeus dese país posúen pasaporte estadounidense.
Non nos cabe a menor dúbida de que un dos maiores legados con que pode contar o home é o da súa memoria. Falamos da que se transmite, evidentemente, de pais a fillos, de xeración en xeración, da memoria que acostumamos a chamar histórica, social, antropolóxica, etc. Hoxe, en parte, somos o que somos en virtude dese legado, ás veces doloroso, tal como foi o dos sefardís, tras o seu longo éxodo, abofé que si, sendo o xudeu ese mítico pobo errante, masacrado tamén, como sabemos, pola barbarie nazi. Ese sentimento de culpabilidade que talvez poida aniñar en nós ou nos nosos gobernantes, antóllasenos até lícito. Mais as xeoestratexias, non nos enganemos, poden ser tamén factores coadxuvantes de primeira orde, tal é o caso do recente recoñecemento de Palestina perante a ONU por parte de España ou esta curiosa visita de Gallardón a Nova York que citamos. Pero non menos lícito é o agravio comparativo que se poida estar a cometer con aqueloutro colectivo tamén expulsado centos de anos atrás, o dos mouriscos. Alégase, coa boca pequena, que estes non gardaron os sinais identitarios como si fixeron os sefardís, sobre todo a lingua. O ladino  ou sefardí español é a lingua que os une, así como outros aspectos tradicionais. Os mouriscos, pola súa parte, disque foron asimilados alí onde se asentaron, sobre todo en Marrocos e Alxeria. Aínda que si gardaron formas de vida, de arquitectura, vestimenta, gastronomía, música andalusí, e até os apelidos.
A razón, como podemos observar, é absolutamente capciosa. Uns e outros foron expulsados do noso territorio tras a promulgación de editos por parte dos monarcas. A demostración de máis ou menos lazos non é só lingüística, nin cultural sequera, preguntémoslles se non aos coitados dos saharauís, que manteñen o español como lingua, e viven nun limbo entre España, Marrocos, o exilio e os campos de refuxiados, e até 1976 eran cidadáns españois de pleno dereito. A historia, e os distintos intereses que se poidan tirar dela, vóltanse unha e outra vez para o presente. Liamos tamén hai días que o Fondo Kati de Tombuctú, unha enorme cantidade de manuscritos en hebreo, castelán e árabe dun nobre musulmán expulsado de Toledo, vai viaxar a Tarifa, Xerez e Toledo. O paradoxo da intransixencia, agora islamista, conduciu o seu bibliotecario a ter que escondelos para non ser destruídos polos fanáticos. E é que a resistencia deste legado a non desaparecer, e como xa aconteceu a outras xeracións de bibliotecarios, é a mesma que simbolicamente une sen sabelo a todas estas colectividades diseminadas, tanto ou máis aptas unhas que outras para a adquisición, mesmo sequera honorífica, desa nacionalidade que lles fora usurpada no seu día. É que acaso sen todas elas non ficaría mancada a nosa conciencia?

DEREITOS DE NACIONALIDADE ESPAÑOLA

Te puede interesar