Contra o final do último novembro, concretamente o 25, o Papa tivo un longo coloquio - tres horas- con 140 Superiores Xerais de Ordes e Congregacións masculinas, mais é agora -hai tres días- que, parte do que alí se falou, se fixo público nas páxinas do diario milanés Il Corriere della Sera. O xornal, o de maior difusión de Italia, reproduciu un amplo extracto dese coloquio, transcrito polo director da revista dos xesuítas –orde á que pertece o pontífice de Roma– La Civiltà Cattolica, que o publica na súa integridade no número que está a piques de aparecer. O Papa recoñece abertamente que hai corrupción no Vaticano, mais que el vive en paz (“Sì, c’è corruzione in Vaticano. Ma sono in pace, non perdo la serenità”). Confesa que aprendeu dos italianos que para vivir en paz hai que fuxir das preocupacións e por iso cando ten algún problema escribe unha nota e métea baixo unha estatuíña que ten no seu cuarto. É a estatura de San Xosé que dorme. “E agora xa dorme sobre un colchón de notas! Por isto durmo ben: é unha graza de Deus”. Non precisa tranquilizantes.
Non sei se o Papa diría todo iso en serio, mais cando o estaba lendo viñéronme á cabeza tanto o paxariño que hai anos dicía escoitar Nicolás Maduro como o tronco co que, máis recentemente, en homenaxe a Twin Peaks ou o que fose, falaba Pablo Iglesias. Se cadra acordoume iso porque ambos manifestaron en máis dunha ocasión as súas simpatías polo sumo pontífice. Que isto si é tal cal.
Ademais, entre as outras cousas que manifestou, Francisco dixo que o Señor quere que os relixiosos sexan pobres. Será así, mais sábese de vello que a igrexa e os cartos adoitan ir moi da man.
Sen ir máis lonxe, ao tempo que soubemos de certos contidos deste coloquio do Papa coas Ordes e Congregacións masculinas tivemos noticia de que na Comisión Mixta para as Relacións co Tribunal de Contas non prosperara a solicitude presentada polo PSOE para que a Comisión lle pedise ao dito Tribunal un Informe de fiscalización dos dous últimos exercicios liquidados sobre o sistema de asignación tributaria á Igrexa Católica a través do 0,7% da cota no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).
Como tampouco a de Unidos Podemos na que se pedía solicitar do Tribunal un Informe de fiscalización específico sobre os recursos públicos que a Igrexa Católica recibe do Estado a través do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e que dito Informe fose incluído no programa de 2017.
Nada puido saír adiante pola firme oposición do PP, se ben é certo que foi decisiva a ausencia do representante do Partit Demòcrata Català, xa que se produciu un empate que houbo que desfacer co voto ponderado. De nada serviron os argumentos do PSOE de que se estaba a falar de moito diñeiro –por riba dos 250 millóns de euros de media cada ano– que saía dos petos dos contribuíntes, cantidade que non podía quedar fóra do control e da fiscalización do uso dos fondos públicos. Nin os de Unidos Podemos incidindo sobre o dereito dos cidadáns a saber o que fai a igrexa cos cartos que saen dos seus petos a través da aspa do IRPF. Nin os de Ciudadanos facendo fincapé en que os aportes á igrexa a través do IRPF son fondos públicos e, como tales, deben estar auditados e debe saberse a onde vai parar cada euro.
O PP escudouse en que a fiscalización orixinaría un problema de legalidade que obrigaría a cambiar os acordos do Estado Español co Vaticano. Se ese for o problema, tiña doada solución, porque non irá sendo xa hora de revisar ese asunto que data de 1979? Penso que si pero... En definitiva, que neses temas moito queda por facer. Se cadra a imaxe de San Xosé do Papa ata bota unha man.