FORTUNAS MANCHADAS DE SANGUE

|

Acaso pode existir alguén a día de hoxe a quen non lle soe o nome Barrié de la Maza? Permítanme que o poña en dúbida. Rapidamente podémolo asociar coa cidade da Coruña, co espléndido edificio á entrada dos Cantóns onde ten a súa sede a súa fundación, á avenida co seu nome, ao “condado” de Fenosa, ao Banco Pastor e a toda unha restra de entidades como bancos, complexos turísticos, empresa eléctrica, industria química, mineira e da construción naval. Un fastoso imperio para a persoa que máis poder enxendrou en Galiza durante o franquismo, merecedor das máis importantes medallas concedidas polo réxime: entre elas, a Grande Cruz de Isabel a Católica, a Grande Cruz de Beneficencia e a Grande Cruz ao Mérito Civil. 
Moi ao contrario deste, o nome de José Miñones, e pese a contar tamén el cunha rúa na Coruña, si non ha de soar xa tanto ao común das xentes. Infelizmente fusilado a pouco de se producir a sublevación militar do 36, non será un simple represaliado máis. A súa morte serviu para o afamado Barrié de la Maza ser capaz de ir labrando a inmensa fortuna que o habería de conveter nun dos homes máis acaudalados da España franquista. Fenosa, sen ir máis lonxe, naceu tras a Guerra Civil, após a fusión da Fábrica de Gas y Electricidad, propiedade de Barrié de la Maza, e de Electra Popular Coruñesa, propiedade, mírese por onde, do fusilado José Miñones. 
Pepe Miñones, avogado, masón e católico, militante do Partido Republicano Radical, fora electo ao Congreso nas xerais de 1933. Pasou despois ao Partido Radical Demócrata e á Unión Republicana máis tarde, saíndo de novo deputado en 1936 pola Fronte Popular. Se fixermos caso aos comentarios dos estudiosos, tal como ten indicado Alonso Montero en “Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)”, “Eles, que nada fixeran a partir do 20 de xullo de 1936 ou que se limitaran a defender incruentamente o goberno legal, non comprenden por que os condenan. Ignoraban, na súa boa fe, que os alados acababan de impoñer unha legalidade encamiñada a considerar delito, ademais de certas accións, o pensamento…”  
O pensamento! Que pecaminosa natureza a súa! Xa for por obra, xa por omisión, tampouco se libraba de culpa. Así, estes sanguinarios tribunais de guerra militares non tiñan ningunha piedade, tal como nolo explica Víctor Casas, activista político e cultural e autor dunha importante obra xornalística, a quen a condena a morte lle resulta igual de asombrosa, como manifesta nunha das súas misivas: “En el Consejo pudimos comprobar como todo venía ordenado así y el Fiscal lo manifestó claramente diciendo, entre otras cosas, que no se podían tener en cuenta los cargos, que bastaba saber quienes éramos para matarnos”. E de igual xeito, a Igrexa, de cuxa complicidade se fai eco o mestre socialista, Antonio Mojón, ao lle enviar unha significativa carta ao seu confesor, en que lle di: “Confiésense ustedes. Examinen su conciencia”. 
No Consello de Guerra Sumarísimo que se lle fixera a Pepe Miñones, o reo foi acusado de pertenza ao Fronte Popular (era dun dos partidos políticos máis moderados dentro da coalición!) e, alén diso, de pertencer tamén á masonaría. No proceso conflúen todos os odios e paixóns da contenda, e contra el, aliás, presentan testemuñas falsas. Mais o que tampouco debemos perder de vista vai ser o asunto da motivación económica que sobre o proceso pesaba e, aínda, o feito de ter sido fusilado case cinco meses despois de iniciada a guerra. Ben se sabe que Barrié de la Maza, un dos financiadores da sublevación militar, tiña así gañado os favores do xeneral Franco. O caso é que en 1939 dirixirá o Banco Pastor e en 1943 creará Fenosa, após a fusión da Fábrica de Gas y Electricidad e a Electra Popular Coruñesa, do fusilado Pepe Miñones, quen aínda tivera que pagar, antes de ser sentenciado a morte, unha multa de 1.000.000 de pesetas. 
Días atrás viamos o programa de Jordi Évole, “Salvados”, sobre os escravos do franquismo. Foron basicamente tres casos concretos os que o ilustraron: a construción de El Valle de los Caídos, a do encoro do Cenajo en Murcia (popularmente La Tumba, pola cantidade de mortos que ficaron sepultados no encofrado) e a dunha estrada de montaña entre Oiartzun e Navarra. A creación por Franco do Patronato de Rendención de Penas por Trabajo resultou ser o negocio perfecto. Presos republicanos escravizados realizaban de balde os traballos máis calamitosos, sendo alugados despois a moitas empresas construtoras privadas que se beneficiaron desta man de obra. Dragados y Construcciones, Huarte, Agroman, Entrecanales, Minera Estaño Silleda, Duro Felguera, etc. son só algúns exemplos de empresas que se lucraron desta vantaxosa situación. Fortunas, pois, manchadas de sangue e familias marcadas de por vida, como a de Pepe Miñones, con catro fillos orfos, condenados xunto a súa mai a unha exigua pensión, após el ser asasinado, coa empresa da súa propiedade requisada e dada a Barrié de la Maza, seica, o mellor ofertante.
 

FORTUNAS MANCHADAS DE SANGUE