As coleccións de pintura de Capitanía Xeral e do Hospital de Caridade

Neste intre unha cidade de notable tradición pictórica como Ferrol é incapaz de poñer en marcha un Museo da Cidade, mentres que os Centros Culturais municipais están levando a cabo unha programación do mínimo interese. O centro cultural de Fundación CaixaGalicia vai camiño da súa desaparición, as sociedades e as asociacións culturais están nas súas horas baixas neste e outros campos, mentres que o Colexio de Arquitectos, a Autoridade Portuaria e a Universidade se atopan desaparecidos.
Neste escenario cumpre citar as coleccións de pintura propiedade de dúas entidades ferrolás. No que atinxe á Armada, o “Catálogo de Pintura de la Zona Marítima del Cantábrico” fai un listado das obras existentes en Capitanía Xeral, Museo Naval, Arsenal Militar e outros edificios (Club Naval, Escolas, Terzo Norte), ademais das pertencentes á Escola Naval de Marín e á ETEA de Vigo. Aínda que non inclúe as obras gardadas no edificio de Intendencia da Armada, Sala de Armas ou igrexa de San Francisco, é un traballo meritorio se cadra mellorable.    
Este inventario, máis que catálogo, inclúe unhas 300 obras, xenericamente repartidas en Retratos, Escenas Históricas, Buques, Batallas Navais, Mariñas e Paisaxes, salientando as máis de 30 obras do edificio de Capitanía, delas un conxunto de retratos de interese: o rei Juan Carlos, outros reis, de Carlos III a Alfonso XII, e personaxes, de Jorge Juan a Damián Churruca. Cumpre citar outros retratos e pinturas de tema naval, especialmente do Arsenal Militar e Museo Naval, así como unha serie de exvotos e pinturas de carácter relixioso colgadas no propio Museo Naval.
As obras expostas teñen unha importancia tanto histórica como artística, aparecendo firmas de pintores holandeses, alemáns e franceses, caso de Buenaventura Peeters, Franz Winterhalter e Fredric Roux ou de coñecidos artistas españois como Ruiz de Luna, Casado del Alisal e Ricardo Macarrón. Proliferan os pintores membros da Armada, desde os más coñecidos, Esteban Arriaga ou González de Aledo, ata os ferroláns, Ildefonso Sanz, Diego Ruiz ou Rafael Romero. No faltan obras de Imeldo Corral, Francisco Yglesias, Martínez Vilela ou Gonzalez Collado.      
Menos numerosa, arredor de 60 obras, mais de gran interese artístico é a colección de pintura do antigo Hospital de Caridade, hoxe Hospital Xeral de Caranza. Neste caso a colección abrangue de xeito especial os temas de carácter relixioso, de retrato e de paisaxe e repártese por diferentes despachos e dependencias do recinto hospitalario, mesmo a capela. Na publicación titulada “La pinacoteca del Santo Hospital de Caridad de Ferrol”, Pedro J. González Rodríguez, cataloga 27 das obras máis significativas.
Dentro desta colección hai que citar, entre outras, obras de gran calidade e interese de Zacarías González e Pedro A. Bocanegra, así como obras atribuídas a Juan de la Corte, Luca Giordano, Herrera el Viejo e Ángel Bronzino ou pertencentes ás escolas do Veronés e Vicente López. Tamén, entre os autores locais ou que exerceron o seu labor en Ferrol, a pinacoteca garda obras de Agustín Robles, Ramón Buch, Eduardo de la Vega, José Leyra e Francisco Yglesias, salientando os retratos de Fernández Varela, Sánchez de Aguilera e o Marqués de Amboage
Como corolario do exposto, a Armada debería poñer en valor o edificio de Capitanía Xeral, protexendo o seu valioso patrimonio moble e deseñando un itinerario que permita visitar as súas salas nobres, incluíndo os interesantes cadros das mesmas. No que atinxe á notable colección de pintura do Hospital de Caridade sería de gran interese dala a coñecer aos ferroláns, ben abrindo ao público as dependencias do Hospital Xeral, ou aínda mellor, se souberan facelo os responsables culturais do Concello, expoñéndoas no Centro Cultural que de sempre se debeu chamar Sánchez de Aguilera, a persoa que  precisamente edificou e fundou alí o antigo Hospital de Caridade.
jjburgoa@hotmail.com

 

As coleccións de pintura de Capitanía Xeral e do Hospital de Caridade

Te puede interesar