Comeza un novo campionato de Liga e, como non podía ser doutra maneira, xa que non era cuestión de desprazarse ata Albacete -unha das cidades das que menos gustei das que coñezo, por certo- púxenme diante do televisor para ver o partido do Deportivo nesta súa nova andaina na segunda división. Onte emitíase o partido en aberto, algo cada vez menos frecuente, mais non teño aínda moi claro como hei facer cando queira ver os encontros que non se xoguen na herba de Riazor. Todo se andará. Este verán, se cadra porque o feito de ter descendido de categoría desilusiona un bocado, seguín moi vagamente a reestruturación do plantel e mesmo nin vin completo ningún dos partidos amigables de preparación. Xa que logo, o partido de antonte tiña para min altas doses de novidade. Nin sequera, ata que o xogo foi avanzando, identificaba varios dos xogadores. Do Albacete nin o primeiro. O partido, sen ser un bo espectáculo, tivo momentos vistosos, practicamente todos do lado deportivista, que na miña opinión, demostrou moita máis feitura, un estar cómodo controlando o xogo. Coido, por iso, que o resultado non foi de todo xusto. Nos últimos minutos, unha bobada levou ao árbitro a pitar penal e aló se deixaron de gañar dous puntos. Con todo, a miña primeira impresión, agardo que sexa boa, é que vou poder desfrutar máis do que tiña en mente, o que debe significar que o equipo esteña nos postos de ascenso. Mais a arrancada do Deportivo non é a noticia deste novo campionato. Esa é a de que se pretende por parte de La Liga que se poña en marcha a idea do señor Tebas de que se xoguen partidos oficiais fóra dos terreos de xogo dos equipos que disputan a competición ligueira. De entrada nos Estados Unidos, coa presenza do Real Madrid ou do F. C. Barcelona. Unha macro operación económica máis ás que xa nos ten afeitos este señor desde que chegou á presidencia do que se chamaba LFP, Liga de Fútbol Profesional. O diñeiro ten que ser o que mova todo, por iso recoñece sen problema ningún o seu salario de 2,2 millóns de euros anuais. Gábase de ser o artífice, xunto con Miguel Cardenal, cando era secretario de Estado para o Deporte do goberno de Rajoy, do plan para a redución das débedas dos clubs de fútbol e da comercialización dos dereitos de televisión no fútbol, que sempre pensei que os pagamos os de sempre, en beneficio duns poucos. Agora isto. Quen cun mínimo de dignidade vai ir a un campo despois de que lle leven o equipo a xogar a outro lado? Mais xa sabemos que a dignidade é un valor á baixa.