Iso era o que todos desexábamos, aínda que fose coa fronte “marchita”, como naquel tango. O caso era volver, despois da terrible pandemia, malia o duro balance de mortos, entre os que, atoparemos parentes, amigos, ou coñecidos. Pero iso é algo ao que temos que nos afacer, sobre todo os que xa andamos na “cuarta idade” e vemos como ao noso arredor todo desaparece, todo remata. Agora parece que xa pasou, mais nada nin ninguén, volverá a ser como antes; porque imos pensar que unha situación así, pode reaparecer en calquera momento, por calquera causa. E xa que logo, haberá que estar preparados para enfrontalo con afouteza, xa que non hai outra solución, pois como dixo alguén, renderse non é unha opción. Lembremos o consello da nosa Rosalía: “...esperar que pasen as correntes apestadas... que outras virán”. Por sorte, sabemos que “nunca choveu que non escampara”, mais non debemos esquecer que “nunca escampou que non chovera” e, por iso, hai que ter sempre á man un paraugas. Ou non é?