Andan airados, cabreados e asustados, ou sexa, alporizados, os veciños das Vivendas Protexidas de Recimil, por mor da ofensiva do Concello, co asunto do aumento dos alugueiros. A Lei permítelle a un propietario poñerlle prezo ao aluguer da súa propiedade, mais o presunto arrendatario sempre ten a posibilidade dunha contra oferta, que poderá, ou non, ser tida en conta. Neste caso non hai tal. O “Amo” pon o prezo e, se queres aceptas e se non terás que deixar a túa vivenda, aínda que, nalgún caso, teñas empregados nela, os teus aforros e os dos teus proxenitores. Mais o caso é que, moitos veciños están convencidos de que o Concello non é propietario das casas, que hai moito tempo deberían ter pasado ao poder dos seus lexítimos adxudicatarios. E hoxe estarían pagando como calquera propietario. O Concello cobraría o normal e non habería estes problemas. Desde hai 50 anos, o Concello perdeu cartos, pola ansia rapineira dalgúns e a incapacidade de outros. Ou non?