Quosque tandem...

Ata cando Catilina vas estar abusando da nosa paciencia?”. Así comezaba a primeira catilinaria no latín ciceroniano que ata non hai moitos anos martirizaba aos estudantes que o debían aprobar no bacharelato. Cicerón era unha persoa formada nas máis importantes escolas filosóficas do seu tempo. Pero iso non lle impedía manter sempre unha actitude respetuosa coas diversas correntes sociais. Algo parecido ao que actualmente significa a democracia. 
Estamos a falar do Imperio Romano de hai máis de dous mil anos. Neste discurso Cicerón dirixíase no Senado ao seu adversario, Lucio Catilina, que perdera as eleccións e, como consecuencia, quedara sen as prebendas correspondentes ao seu cargo, algo insoportable para el. A única saída que tivera á man Lucio fora postularse para o cargo de cónsul. Intentouno con toda clase de argucias e subornos pero sen resultado positivo. 
  Ao non poder lograr as súas pretensións –daquela aínda non existía Panamá– propúxose asasinar a Cicerón. Mais os fracasos nunca aparecen sós, e Catilina tampouco acertou nisto. Exasperado, planificou unha insurrección na cabeza do Imperio provocando o incendio de Roma e matando o maior número posible de senadores. Este “quousque tandem” (ata cando) debería  repetirse, tamén, dirixido agora á nosa clase política que asoballa aos cidadáns. Os máis pobres e indefensos son os primeiros en padecela. O espectáculo que a clase política está a dar na sociedade en que vivimos é provocador. 
Non é fácil de entender como os cidadáns soportan esta parodia. En España aínda reinan unhas costumes, hábitos aceptados ou tolerados polos cidadáns, sobre o feito de que a administración pública está para aproveitarse dela, empezando polos máis directamente relacionados coa mesma, funcionarios e sobre todo políticos, cargos públicos e amigos. Mais a solución está nas mans dos cidadáns. Estes políticos están aí porque os votaron. Vivimos en democracia. Agora están a chegar as eleccións. É a ocasión. De non corrixirse isto queda a vía libre para a corrupción.
 

Quosque tandem...

Te puede interesar