CRISTIÁNS SEN IGREXA

A moi poucos se lles esconde que as igrexas están quedando valeiras os domingos e as festas de gardar, como catalogaba os días festivos o vello catecismo de Astete. Un desapego da xente á Igrexa que ven medrando de un xeito progresivo dende hai uns anos. Algúns achácano á evolución que os occidentais viñemos vivindo dende a entrada da chamada Modernidade á que España se incorporou tarde. Foi cando os modernistas exaltados colocaron no altar á sabedoría e á razón, deixando a Deus a un lado. Iso por unha parte. Pero pola outra é tamén responsable de este desapego o mal exemplo que con frecuencia veu dando a Igrexa por ter matrimoniado, con demasiada frecuencia, cos poderes políticos e económicos. 
Un mal exemplo que humilla aos humildes e escandaliza aos pobres. Pero a pesares de todo isto, unha maioría dos mesmos que agora abandonan a Igrexa continúan mantendo a crenza nun Deus bondadoso e misericordioso. Nese Deus descoñecido seguen mantendo, a súa maneira, a confianza e a esperanza de ser atendidos cando na avida se encontran apertados e sen saída. “Se queres aprender a rezar vai ao mar”, di un adaxio ben iluminador. Pero algo terá que ver tamén en todo isto o feito de que os seres humanos levamos dentro un vacío que nunca damos enchido. 
Un valeiro que en ocasións extremas, cando fallan todas as seguridades humanas, obríganos a apelar a ese ser oculto que o pode todo, segundo nos ensinaron. Esta Igrexa, con dous mil anos de historia tal como é, non foi fundada por Xesús de Nazaret. Quen lle foi dando forma foron os seus discípulos durante os primeiros séculos da era cristiá. Falamos -hai que advertilo- de esta Igrexa como a coñecíamos nosoutros hai algúns anos cando o clero era abundante. Esta é a que se acaba, e en boa hora, como desexan moitos. 
Dicíamos ao principio que a Igrexa perdeu a confianza da xente que agora a abandona. E para buscar remedio a esta situación débese comezar por analizar este cúmulo de fallos. Facelo así é cousa de tódolos bautizados, membros da mesma e que a consideran importante para a súa vida e para a sociedade. No Evanxeo de Xesús, cravado na cruz, encóntrase para quen o busque o camiño da xustiza, da verdade e da vida. Penso que é este o camiño que sinala o papa Francisco para cambiar o rumbo da Igrexa. Vai ser un proceso moi lento e difícil porque require a renuncia á moitos intereses do actual estamento xerárquico clerical que domina a Igrexa.

CRISTIÁNS SEN IGREXA

Te puede interesar