Días atrás, Núñez Feijóo felicitaba Anova e outras forzas do nacionalismo polo acordo para formar unha candidatura conxunta con Podemos e EU, cara as vindeiras eleccións xerais.
O argumento do Presidente da Xunta é sinxelo: este sector do nacionalismo foxe da vía soberanista e do exemplo catalán, fortalecendo o marco estatal. Sen dúbida Feijóo aproveita as contradicións destas forzas, e de X.M. Beiras, que mentres predican a República Galega, acoden ás eleccións coaligados con forzas de ámbito estatal.
Para recoller hai que sementar primeiro. Non se pode gañar base social a prol da soberanía de Galiza sen exercitar na práctica ese dereito alí onde non está coutado: no marco da organización política, sindical, electoral...
Non é críbel dicir que obviando o soberanismo das nacións periféricas vaise contribuír a que mude a correlación de forzas no Estado, e a que se consoliden cambios na Constitución que garantan o dereito a decidir e avances sociais e laborais. Todo indica que a suma do PP, PSOE e Ciudadanos non só bloquea calquera mudanza neste sentido, senón que mesmo terán maioría para realizar unha reforma que, coa aparencia de facer certas concesións na xestión fiscal, termine consolidando a centralización económica e nos servizos básicos. Esta camiño está eivado para o avance das reclamacións da periferia, máxime cando debilita a autoorganización.
Calquera reforma constitucional depende da fortaleza do soberanismo nas nacionalidades históricas, como se reflicte en Catalunya. Tamén se pode dar a solución autoritaria, disfrazada con razoamentos de legalidade constitucional. Porén, esta vía non faría máis que agudizar o conflito, como sabe o Goberno central, e o apoio actual noutros lugares do Estado iríase convertendo en oposición.
Claro que, por outra banda, se fan concesións a Catalunya débenas outorgar tamén a Euskadi e Galiza, e posibelmente Valencia e Andalucía. Para alén da fortaleza do nacionalismo nestes territorios, non facelo xeraría unha situación de agravio comparativo e mobilización, que as forzas sistémicas non poderían evitar. Apostar por outros camiños, ademais de incoherente, non permite avanzar.