Onoso país ten hoxe un PIB superior ao do inicio da crise, ou sexa a hai unha década, a gran diferenza é que faino con 140 mil persoas ocupadas menos, delas 125 mil son do sexo masculino. Do total 88.400 empregos perdéronse entre asalariados e asalariadas. Neste ámbito hai 7 mil mulleres máis. A crise, malia os efectos negativos na precarización, na caída dos salarios (un 10%), e no medre do desemprego, tivo o efecto positivo de igualar a homes e mulleres respecto da taxa de asalariados; iso si, fixoo igualando por abaixo. Non hai dúbidas que o traballo autónomo e o pequeno empresariado tamén pagou cara a crise, especialmente no sector agrario e no comercio. A maior acumulación do PIB nas rendas do capital, en prexuízo do traballo, favoreceu especialmente á gran empresa.
Como se conseguiu esta recuperación do PIB e aumento do lucro? Non foi no esencial a través dos avances tecnolóxicos, senón que por medio da sobreexplotación laboral (horas extras polas que non se paga e cotiza, contratos de aprendizaxe, falsos autónomos, e o chamado traballo “colaborativo”, a uberización das relacións laborais). Non semella polo tanto que o emprego estea en perigo polos avances tecnolóxicos e os robots. Adiantes tecnolóxicos que por outra banda son bos, se como é lóxico reducisen a xornada laboral, por exemplo: a seis horas ao día cinco días á semana. Sería á solución. Unicamente o impide, que o sistema se basea nun reparto inxusto da riqueza e do traballo.
Outra consecuencia que non se pode obviar, dos efectos da crise, é a recomposición do capital. Na Galiza concretouse no peche ou venda a corporacións foráneas de moitas das empresas máis dinámicas ou lideres no sector (na actividade da banca, alimentación, etc). É unha cuestión relevante polo que implica de perda de capacidade do noso país na toma de decisións, na investigación, e na cadea de valor. A alta taxa de paro, malia a emigración da mocidade e a baixa natalidade, ten moito que ver con esta subordinación económica, que se suma á política e á falta de soberanía. Por este motivo, cando se fala da crise, en realidade teriamos que cualificala de axuste. Un novo reparto do traballo e da riqueza, tamén do poder, entre clases sociais y territorios, tanto a nivel mundial, como rexional, e por suposto dentro do Estado español. Así de sinxelo. Por iso non abonda con aumentar as achegas públicas e unha mellor xestión. Aínda que sexa un avance, non se pode rachar cos topes de desenvolvemento sen cambiar a matriz dependente.