Meus benqueridos donas e cabaleiros:
Primeiriño de todo, os meus respectos e manifestarlles as miñas esperanzas. Digo esperanzas, porque despois do ataque desapiadado, constante e sen nome do Señor Núñez Feijoo ao herdo espiritual meirande que nos legaron os nosos maiores, non só estou abraiado, como teño manifestado en múltiples artigos, senón que coma no inferno da Divina Comedia do Dante tiña perdida toda esperanza e vía irremisibelmente arruinada a nosa fermosa lingua. Pero coa chegada de vostedes mesmo me parece querer ver que algo moi importante pode de verdade mudar.
Quero significarlles de entrada que para defender a miña lingua nunca ataquei a ningunha outra. Voulles confesar unha cousa antes nada. Estou facendo un voluntariado no cárcere desde hai uns anos. E alí teño a oportunidade de axudar a solucionar problemas serios ao defenderme pasablemente, ademais de en galego e castelán, en portugués, francés, italiano, un pouquiño en alemán e algo en inglés. E quen me dera poder facelo en linguas nas que aquí non encontramos quen bote unha man, por exemplo en somalí.
Séntome profundisimamente ofendido e non podo entender ao sr. presidente da nosa Comunidade. Entrou coma o cabalo de Atila berrando que ía derrogar o decreto de normalización lingüística para substituílo por unha entelequia que nin el mesmo é capaz de definir: a do bilingüismo harmónico, que no noso caso sería, tal vez, ou debera ser trilingüísmo. Non podo entender o desprezo e ataque desapiadado á nosa lingua e cultura. Lilí Álvarez escribiu un libro (1954): En tierra extaña. Esa é a miña sensación. Non me explico tanta xenreira, odio e mala educación nese rapaz acomplexado, malcriado e prepotente. Todo para apañar uns puntos nunha carreira de ascenso persoal diante de xentes que coma el tampouco saben o valor da pluralidade cultural do propio pobo e da España que habitamos e nos habita. Atrévese a subir polas escadas da miseria atacándolle á lingua e cultura dos seus devanceiros. Iso é un crime de lesa nacenza. Este rapaz naceu en lugar equivocado. Os Peares ficáronlle sempre pequenos, porque, na sinxeleza e fermosura, os desa viliña nunca foron así de estirados.
Moito desexaría que estas miñas apreciacións fosen inxustas pola miña parte. Pero por desgraza é un clamor de dignidade persoal e colectiva. Os diversos Presidentes da Real Academia Galega e toda esa centenaria entidade con moitas outras institucións e innúmeras pobres voces, coma a miña, así o teñen e temos manifestado reiteradamente. Mesmo tendo de ir reclamar diante dos tribunais. Que vergoña! Aínda que logo veñan sentencias ambiguas e de compracencias que nin din nin deixan de dicir. Pero a dignidade non pasa polas sentencias. A dignidade ou se ten e se defende ou se denigra e degrada. E daquela os degradados somos nós mesmos, as persoas.
Eu non quero degradar aos meus devanceiros. Non coñecín a miña nai. Nunca traizoarei a súa memoria sagrada. O noso pai sempre nos repetía os consellos dela e os encargos que lle fixera antes de morrer para que nolos transmitira. Sempre estaban en galego, a única fala que reinou nas nosas familias ab initio et ante secula.
“Denantes mortos que escravos”. E digo isto porque desde que este señor reina e impera, na miña familia bisneta xa hai quen nin a fala e si a despreza, apoiados no “argumento de autoridade” (?) do Sr. Presidente. Tamén do Sr. D. Jesús Vázquez, o das escolas infantís da “Galiña azul”, profanando así o herdo de Carlos Casares. Aproveitando a homonomía do azul da fabula, infiltrounos o azul falange. Meto tamén nesa equipa a un pobre home, Don Anxo Lorenzo, quen, coma Esaú, por un carguiño político vendeu a primoxenitura. E este si sabía o que se xogaba en todo momento, como moi ben tiña manifestado anteriormente millenta de veces no seu labor de docente acreditado cando aínda tiña a inocencia (non facer dano) orixinal.
Tende en conta que sondes a primeira xeración que chega á política que xa a estudou na escola. Non hai escusa. Sería moito máis delito.
Defendede a lingua, na teoría e na practica, nas leis e no ensino, na sanidade, na familia, cos pícaros e cos velliños, na casa e na rúa, na feira e na universidade. Usádea. Porque se non se fala a cotío empobrecese, degrádase, perdese, traizoáselle. Dialectalízase. Perde o seu ser auténtico e de identidade. Deixa de ser lingua común. Estudádea se non a sabedes. Vai incluída na vosa nómina económica. Escribídea. Acariñádea, apalpádea coma “o apalpador” aos nenos, para ver se está nutrida e medra axeitadamente. Facédea culta e universal. Sentídea con honra e fachenda. Deixádea ser popular e festeira e non a desprecedes.
Algúns berran nela nos mitins e ao deixaren o micrófono xa a arromban e arredan dela. Nótaselles moito a pose e non enganan a ninguén.
Xa sei que me podedes acusar en primeira persoa: A organización á que ti pertences, a Igrexa na Galiza, que non galega, non a usa, mal úsaa e ten moita e grande culpa e responsabilidade secular. Certo. Pero eu xúrovos que coma min moitos cregos e leigos levamos toda a a vida partido a alma por defendela, difundila, usala, e mesmo sufrimos persecución por ela, no seminario, no franquismo, na democracia e agora mesmo. Pensade no bispo Araújo e mesmo no Concilio Galego. Aí están como proba. Aínda que, como nos dicía a tia Sabina de Agramonte: “Quen nos di o que non nos gusta oír xa non é noso amigo”. Pero, que chova! Xa escampará!
Sería moito pedirvos, señoras e señores das novas camadas políticas, que non nos queimedes a nosa esperanza? Xa sei que a economía é vital. Pero Xesús de Nazaré, de quen eu son seguidor, dicía, afirmando os valores: “Non só de pan vive o home”. A economía e a defensa da lingua non se exclúen. Todo o contrario. Incluso, sendo só utilitaristas, crea postos de traballo dentro e fóra do país e ábrenos as portas internacionais da grande lusofonía.
Desculpen, se lles faltei. Non está no meu ADN persoal nin familiar molestar a ninguén. Só quixen facer unha terapia persoal e de país verbalizando unha profunda dor que nos queima no máis fondo do ser e do sermos nós.
Non nos falledes máis outra vez, por favor.
Fico de vostedes moi agradecido e esperanzado.