Do Golpe de Estado cívico-militar en Bolivia non chama a atención a actitude de Trump, que é ben sabido pretende recuar ao século XIX, ao considerar que a soberanía das nacións sustentase exclusivamente no poder das armas, senón a complicidade da Unión Europea e dos gobernos de América Latina que seguen os ditados de Washington. Neste último caso amosa até que punto están de costas á realidade social dos seus países, tendo en consideración as revoltas populares en Ecuador, Haití e Chile, o triunfo de Alberto Fernández na Arxentina.
Tampouco se entende tanta xenreira por parte dos círculos de poder que derrocaron a Evo Morales, porque Bolivia é das poucas economías da rexión que ía vento en popa. Durante os seus mandatos o numero de asalariados pasou de 500 mil a 1.800 mil, a pobreza extrema baixou do 37,3% ao 15,2%, o salario mínimo aumentou de 60 a 300 dólares mes, o investimento superou o 20%, multiplicáronse por 14 os ingresos pola produción enerxética. Polo tanto, as razóns do golpe hai que buscalas na oposición a que os pobos indíxenas teñan o papel que lles corresponde, recuperando identidade e protagonismo na economía e nas institucións. Ou sexa, é produto en boa medida dunha actitude racista e unha visión excluínte e mesiánica do sentimento relixioso.
Para alén da burda escenificación, na que participou a OEA, non existe dúbida de que se trata dun Golpe. Forzouse pola policía e militares a dimisión de Evo Morales, elíxese en minoría unha presidenta en funcións, impedindo a entrada de deputados/as do MAS. Esta auto-proclamación é apoiada polos poderes fácticos, e axiña comeza a represión contra as mobilizacións populares (23 mortos e 715 feridos até o pasado sábado). Diante da fortaleza das protestas o novo Executivo (auto-proclamado) editou un decreto que dá inmunidade aos militares para exercer a represión. En paralelo cesou a un 80% dos embaixadores no exterior. E, aínda que falan dun novo proceso electoral, ameazan coa detención de Morales se volve ao país, e deixan entrever que se fará cando existan condicións, ou sexa, cando teñan seguridade de gañalo.
O Golpe de Estado en Bolivia foi posíbel porque existe compracencia, ou consideralo un mal menor, por parte das potencias occidentais, daquelas que despois presumen de democracia e respecto polos dereitos humanos. Sen dúbida están a pensar no litio, un mineral esencial para a produción de enerxía non contaminante, ou nas reservas de gas e na produción de soia, porén tamén na correlación de forzas entre potencias.