Interrogantes do novo pacto social

Opacto asinado pola patronal e CC.OO e UGT cun 2% de aumento salarial anual para os vindeiros tres anos, foi presentado como unha boa nova. Óbviase a voluntariedade do acordo, que quedan aspectos relevantes mal atados ou que se renuncia a tratalos. 
Por exemplo, que para chegar ao 3% de aumento salarial, ese 1% amais está ligado á produtividade, absentismo e outros factores que se decidan en cada convenio. Ou sexa, atinxir este 3%, como “máximo”, será unha excepcionalidade, e ademais o pacto é unha recomendación, como o foron todos os anteriores. En troques, os sindicatos que asinaron van axustar as súas reivindicacións máximas ao acordado, abrindo unha fenda na unidade sindical de base. 
Cómpre destacar que este aumento (2%), que lles parecía bo aos sectores progresistas hai uns meses, porque superaba o IPC previsto para os vindeiros anos, a esta altura xa non cumpre este obxectivo. Todo indica que implicará novas perdas no poder adquisitivo dos salarios. 
A previsión de Funcas para este ano é do 1,9%-2,1% de IPC, dado a tendencia a subir dos prezos da enerxía. Unha elevación da inflación que podería ser superior tendo en consideración a guerra comercial, e o medre do custe do diñeiro por parte do BCE. E que seguramente se repetirá nos vindeiros anos. 
A suba salarial pactada non ten en consideración as posíbeis variacións á alza do IPC. Daquela o que se vende como un bo acordo pódese transformar nun novo pacto social que consagra a transferencia de recursos á patronal a costa do esforzo e dos salarios da clase traballadora. 
A respecto de fixar un salario mínimo de 14 pagas de 1.000 euros, para o ano 2020, non é ningunha novidade e traslada ao pacto o xa comprometido por Pedro Sánchez hai un mes (cumprirán?). 
O lóxico é que se comezase a aplicar axiña, tendo en consideración as necesidades mínimas para sobrevivir na actualidade.  
Agora ben, tanto no relativo ao crecemento dos salarios e a melloras nas condicións de traballo o fundamental é que se derroguen as reformas laborais, recuperar a ultra-actividade dos convenios, primar os de ámbito superior, que se eliminen os contratos de falsos autónomos, aprendizaxe e colaborativos, e que os temporais sexan excepcionais, etc. 
É esencial rematar con todas as leis e normativas que limitan o dereito de folga e manifestación (lei mordaza, etc). 
Só deste xeito, conseguiránse condicións laborais e salariais dignas. Todos os pactos sociais foron en beneficio exclusivo do capital. Esa é a súa esencia. Este non é distinto.

Interrogantes do novo pacto social

Te puede interesar