E semella que imos abocados a unhas novas eleccións por mor de non chegar a acordos aqueles partidos que teñen nas súas mans a posibilidade de darlle un rumbo distinto á política neste país. E que conste que non pensaba falar disto, pero logo de escoitar o titular que Pablo Iglesias lanzou ao comezo da súa roda de prensa “o PSOE díxonos que non” non puiden por menos que reflexionar un pouco sobre este escabroso asunto no que se converteu o nulo entendemento entre os partidos de esquerdas que resulta endémico nestas formacións que se din progresistas e pon en cuestión un dos postulados máis importantes da política cal é chegar a acordos entre ideoloxías próximas, e se non é capaz de acadalos é que a política de ben pouco serve.
Non quero xogar a ser politólogo e si reflexionar sobre os acontecementos que se están a producir, o único que nos queda a aqueles que non estamos mergullados nese proceloso mundo da loita polo poder. E o primeiro que se me ocorre pensar é por que asina o PSOE un pacto con C’s, un partido de esquerdas (¿?) cun conservador neoliberal, cando o normal sería intentar comprometerse con outro partido de esquerdas. Hai quen opina que o atranco maior para o non entendemento do PSOE con Podemos é a cuestión nacionalista, a famosa consulta sobre a soberanía. Eu, supoño que vostedes tamén, escoiteille dicir a Pablo Iglesias que non quería que Cataluña se separase de España e eu estou de acordo: tampouco o quero, nin o País Vasco, nin Galicia porque respectando todas as sinais de identidade, creo que xuntos podemos máis. Outra cousa é a teima que se lle ten a ese referendo, a que a cidadanía catalá opine sobre o que lles gustaría que fose. Eu non estou nada convencido de que todo o pobo catalá queira independizarse: é máis, creo que posiblemente a independencia perdería esa posible consulta. Xa esquecinmos cando os nacionalistas eran chave para gobernar, cando Aznar falaba catalán na intimidade, de como adulaba a Jordi Puyol porque necesitaba dos nacionalistas catalás para gobernar, o mesmo que Zapatero que se comprometeu no 2005 a apoiar nas Cortes de Madrid o que aprobara o parlamento de Cataluña.
Arestora semella que todos queren apartar ao PP e a Mariano Rajoy do goberno, pero non atopan o xeito de facelo, non dan coa fórmula malia ser ese o obxectivo para formar un goberno de progreso. Este sería o momento da Política, así con maiúscula, desa ciencia capaz de poder cambiar as cousas, pero están a fallar os científicos e namentres danlle voltas, levamos un feixe de días sen goberno. Claro que os belgas estiveron 541 días sen el e semella que non lles foi tan mal, pero bromas á parte isto que nos está a acontecer podémolo considerar un fracaso da política á que se lle complicou a cousa por mor do resultado das eleccións. Votamos mal a cidadanía? Creo que non, que non nos boten a culpa. Se acaso so puxemos en evidencia a incapacidade dalgúns para poñerse de acordo, para pactar sen medo.
Polo que se ve as conversacións van continuar pero as barreiras que se impoñen non van a axudar nada para camiñar pola senda do entendemento. Se non se fai un último esforzo, nos levarán a repetir as eleccións cousa que, fora un milagre, nos vai levar a outros catro anos de goberno de dereitas. Nunha relación a tres evidentemente sobra un.