A LENDA DOS BOEDOS

Yo solo digo mi canción a quien conmigo va


Os Boedos ou o Boedo é unha extensa pradaría asolagada polas augas do rio Dá, tamén chamado rego Landoeira e rego de Pardiñas, moi preto da fonte de augas medicinais Santo Domingo e da vila de Guitiriz. De feito Boedo quer dicir terreo baixo xeralmente cuberto de auga todo o ano.
Conta a lenda que alí existiu hai moitos anos, cando a Sagrada Familia andaba polo mundo, unha cidade na que seus habitantes tiñan sona de descridos. Por ela pasou un día a Virxe María co neno Xesús pedindo unha esmola que lles foi negada por aquelas xentes impías, ata o extremo de que un zapateiro guindoulle a súa forma ao noso señor Xesús Cristo que ía no colo da súa nai. Chegaron logo nai e fillo a unha casopa moi pobre onde uns nenos que arrodeaban a lareira, adoecían coa fame. Acolleunos a muller da casa dándolles acubillo, lamentándose ao mesmo tempo de non ter outra cousa que ofrecerlles. A Virxe, vindo a miseria e a fame en que vivían, díxolle á muller que, para xantar, fixera unha bola coas cinzas da lareira. Fíxoo así ela, despois de moitas dúbidas, e cando a probaron viron con moita sorpresa e ledicia que era de maínzo e moi saborosa (1). A cidade, como castigo á maldade dos seus habitantes, foi asolagada polas augas do río e así permanece dende aqueles remotos tempos. Dende entón disque ao empardecer e durante toda a noite, escóitanse murmurios estraños que semellan vir do alén así como o tristeiro son dunha campá que emerxe do fondo das augas.
Ata aquí a lenda: Eu que pasei moitas seráns da miña nenez xogando e enredando no río, podo dar fe destes murmurios que, xunto coa sensación dunha presenza estraña e inquietante no ar, facíanme recoller os meus aparellos e voltar para a casa denantes da caída da noite. Outro día vos conto a lenda da ponte Dá, que tamén ten a súa ou aqueloutra dunha señora loura que, moi sorrinte, nos facía acenos para que nos achegaramos cando a ela. ¡Cousas que pasan nos Boedos de Guitiriz!
(1) Disque este foi a orixe das bolas de Guitiriz que tanta sona teñen hoxe en día. Non deixedes de probalas.

A LENDA DOS BOEDOS

Te puede interesar