De siglas

|

Houbo un tempo, nos anos da adolescencia –quince, dezaseis–, en que Santiago Eizaguirre, Vicente Araguas e mais eu nos carteamos cunhas rapazas finesas da nosa idade. Fora Santi –sempre atento a movidas de non doado acceso, que o da internet non tiña nin trazas– quen atopara o enderezo dunha das mociñas. Escribíralle e ela contestáralle, suxeríndolle, ademais, que buscase dous amigos para se escribir cunha súa irmá e mais cunha amiga. Falouno con nós e aló nos puxemos a practicar inglés, que era o obrigado principio e fin desas relacións. Ningún de nós, a non ser en soños, podía pensar noutra caste de relacións naqueles anos sesenta, abondo cutres aínda, da longa ditadura nacional-católica capitaneada polo xeneral Francisco Franco. 

Nada posibilitaba albiscar un encontro en tempo de ferias na lonxana Finlandia ou noutro lugar máis próximo. Aprender algo de inglés e intercambiar informacións sobre a vida cotiá da rapazada dos nosos respectivos lugares de residencia era o que quedaba. Recordo ben algunhas curiosidades desa relación epistolar. Tales como que a rapaza coa que me carteaba era moi prosueca. Residía na capital, Helsinki, mais non era este o nome que empregaba no seu enderezo, senón o sueco Helsingfors. E nesa liña despedíase cun “jag älskar dig”, que ben sendo “quérote” en sueco, e non  co finés “rakastan sinua”. Por ela entereime de que o sueco era tamén lingua oficial do país e a preferida por parte da cidadanía. Por veces as cartas ían acompañadas de fotos ou, máis raramente, dalgún pequeno regalo. Recordo que me enviara –era ela quen levabas a voz cantante no dos obsequios– unha cadea de prata cun corazón á que eu respondera cunha pulseira –de elos e chapa co meu nome, así mesmo de prata– que utilizaba de cotío, pois era a moda. Máis tarde obsequioume cun disco. Era un single do grupo británico The Troggs –para min descoñecido–, editado en Suecia en 1966 –en capa verde e gris con foto de sorridente posado dos 4 membros da banda–, que contiña os temas “Wild Thing”, na cara A, e “From Home”, na B, vinilo que, naturalmente, conservo. Eu, de volta, envieille o SP de Los Bravos, tamén de 1966, que contiña o grande éxito “La Moto” e “La Primera Amistad”, que tiña unha rechamante cuberta laranxa que mesturaba as fotos dos compoñentes do grupo –un deles, por certo,  o baixista ferrolán Miguel Vicens–,  con deseños da motocicleta con sidecar e os corpos dos músicos. En Finlandia o que soaba daquela era o “Black is black”, estes temas eran aínda descoñecidos.

Nesa correspondencia aprendín algo que non se adoita ensinar nas aulas como é o do uso das siglas. Nunha das cartas falaba eu dos EEUU, así grafado, e a rapaza preguntoume que era aquilo. Efectivamente, non tiña por que sabelo, dado que se trataba dunha sigla do español. Isto acontece miles de veces diariamente. Cando alguén por aí fóra pregunta polo “uifi” non o entenden, xa que usa a pronuncia á española de “uaifai”.

De siglas